Un chanzo por baixo, a LEB acolle os equipos galegos máis destacados: Beirasar Rosalía e Leite Río Breogán.
De León a Murcia ou de Badalona a Granada, a máxima competición a nivel estatal no mundo do baloncesto, a ACB, cobre xeografía diversa, máis non pasará por Galiza esta tempada. Para atopar as mellores formacións do país hai que descender até a LEB Ouro, onde os seareis composteláns do Beirasar Rosalía e os afeccionados lugueses do Breogán agardan que os seus equipos consigan praza de ascenso.
A pasada tempada, o Leite Río Breogán quedou mesmiño ás portas do play-off de ascenso, facendo noveno posto e con igual número de vitorias ca de derrotas. Na tempada 2007-2008 os composteláns comezaron forte, con tres vitorias consecutivas, a última este mesmo venres fronte ao Inca. A racha permítelles liderar provisionalmente a categoría. Mentres, os lugueses intentarán este sábado darlles unha alegría aos afeccionados en pleno San Froilán loitando na casa pola primeira vitoria.
A Liga Feminina aínda non comezou
Por outro lado, quedan aínda algunhas semanas para que dea inicio a competición feminina. Nese caso si haberá representación galega na máxima categoría. O Celta Vigo-Urbán e o Extrugasa de Vilagarcía serán as formacións aspirantes ao título nesta liga. De feito, os dous equipos desputarán pola primeira vitoria na xornada de inauguración, o próximo sábado 27 de outubro ás 19h30 na cancha do Extrugasa.
Toda a información nas webs da FEB e da ACB.