O senador do BNG, Francisco Jorquera, esíxelle ao goberno español que amplíe o estudo sobre a afectación na saúde das persoas que estiveron expostas ao fuel do Prestige, namentres axudaban nos labores de limpeza.
Calcúlase que unhas 400.000 persoas participaron nas tarefas de limpeza da marea negra que chegou ás costas galegas en 2002, após o afundimento do petroleiro.
A través dunha pregunta na Cámara Alta, Jorquera lémbralle ao goberno español que existe unha investigación na que se analizaron 810 casos, que revela unha serie de enfermidades e doenzas respiratorias entre mariñeiros que estiveron en contacto co chapapote. Por iso o senador nacionalista considera "lóxico" deducir que os problemas están a afectar a todas as persoas expostas, independentemente da súa profesión.
Segundo indica Jonquera, os investigadores recomendan a necesidade de realizar un seguimento da saúde da poboación analizada, que, despois dun ou dous anos, presenta un maior risco a sufrir síntomas respiratorios, hiperactividade bronquial, estrés oxidativo, inflamación pulmonar, remodelado branquial e vascular e dano cromosómico.
"Unha vez determinado o grao de afectación, habería que adoptar as medidas médicas oportunas", salienta Jonquera, lembrándolle ao goberno de Zapatero que, se cadra, tamén é preciso estabelecer medidas compensatorias nos casos nos que persoas sufriran problemas severos.