Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Penúltimo tramo da autoestrada Ourense-Santiago

A Xunta libera a peaxe do treito da A-52 entre Dozón e Cea

Xa se falara en abril da liberación da peaxe da nova autoestrada entre o Alto de Santo Domingo, no concello de Dozón, e a A-52 nas proximidades de Ourense. Agora a Xunta aprobou o decreto.

Redacción - 18:22 04/10/2007

A Xunta aprobou no seu Consello da quinta feira a supresión da peaxe deste pedazo de autoestrada, que era un dos principais impedimentos para a liberalización do tránsito entre Compostela e Ourense.

O treito Alto de Santo Domingo-Enlace de Cea da autoestrada autonómica Alto de Santo Domingo-Ourense (A-52), comezará a funcionar este mes. Este será o primeiro tramo que funcione da autoestrada autonómica AG-53, que dá continuidade á autoestrada estatal AP-53 entre Compostela e o Alto de Santo Domingo.

Segundo a Xunta esta zona vai ser liberada da peaxe de xeito similiar a como o foron as autovías do Salnés ou do Barbanza, porque o Goberno Galego entende que a situación herdada do anterior ejecutivo para a conexión entre Santiago e Ourense prexudicaba de forma grave aos propios cidadáns ao impoñer uns custes moi elevados para a accesibilidade e a mobilidade dun territorio "necesitado de discriminación positiva".

A longa historia da autoestrada Santiago-Ourense
A primeira vez que se planeou unha conexión de altas prestacións entre Santiago e Ourense en 1993, sendo daquela presidente do goberno español Felipe González. Tres anos após, no 1996 coa chegada do PP ao goberno múdase a primeira concepción desta infraestrutura e convérsese nunha estrada de pago.

Naquela altura dividiuse a autoestrada en dous treitos: Santiago-Dozón, e Dozón-Ourense, ámbolos dous de titularidade estatal. O primeiro comeza a construírse deseguido, mentres que o segundo queda supeditado a unha intensidade media de tráfico de 10 mil vehículos por día. Daquela a Xunta de Galicia, acorda achegar 60 millóns de euros a fondo perdido, para construír unha autoestrada que tiñan que pagar todos os usuarios.

En 1998 ninguén concursou á construcción da autoestrada, deixando patente a pouca viabilidade dunha vía de peaxe entre Santiago e Ourense. No ano a seguir adxudícase a construción a 13 empresas, ás que se lles outorga o dereito de cobrar peaxe até 2074.

En 2002 a Xunta decide asumir por si mesma a construción da segunda parte da obra, no treito Dozón-Ourense, que tamén levaría peaxe. Esta decisión é agora corrixida polo actual Goberno Galego, que puxo a traballar xuntas ás consellarías de Política Territorial e Economía, estudando diferentes posibilidades de viabilidade que permitiran eliminar a peaxe.

O que vai pagar a Xunta para que non paguemos peaxe
O Consello da Xunta estabeleceu as tarifas que a Xunta vai aboar á concesionaria da autoestrada, ACEOUSA, para que os usuarios non teñan que pagar peaxe neste treito: 0,0729 euros por quilómetro (máis IVE) para os vehículos lixeiros; 0,1229 euros/quilómetro para os vehículos pesados de tipo 1; e 0,1457 euros/quilómetro para os vehículos pesados de tipo 2.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: