O paradoxo fixo que mentres o Parlamento debatía o impulso do autogoberno, en Madrid se frease unha das aspiracións marcadas na axenda do bipartito.
Mentres PSdeG e BNG coincidían en Galiza e no Parlamento na vontade de espremer as transferencias pendentes en diversas áreas, as arelas competenciais quedaban freadas en Madrid co voto conxunto de PSOE e PP.
Xa que logo, a proposición de lei do BNG para que se lle transferisen a Galiza os Fondos de Formación Profesional Continua, era rexeitada no pleno do Congreso. A deputada galega Olaia Fernández Davila recordoulles a socialistas e populares que o da competencia na xestión da formación continua "é un conflito político e xurídico que se arrastra desde hai máis de quince anos" e lembrou que en sentenzas do ano 2002 a recursos presentados pola Xunta de Galiza e pola Generalitat catalá, o Tribunal Constitucional "declarou que as competencias de execución en materia de formación ocupacional, na modalidade de formación continua dos traballadores en activo correspóndelle ás comunidades autónomas".