Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Emigración e memoria histórica

Sada lembra os irmáns Suárez Picallo

Unha comisión prepara homenaxe aos ilustres sadenses e o traslado dos restos de Ramón Suárez Picallo á súa vila natal. Vieiros falou cos organizadores.

M. del Río - 09:30 07/10/2007
Ramón Suárez Picallo

Ramón Suárez Picallo

Un grupo de persoas de Sada formou unha comisión que pretende renderlles homenaxe aos irmáns Suárez Picallo, Ramón e Antón. Vai facer 43 anos da morte de Ramón, mentres que Antón fora paseado ao comezo da Guerra Civil, en 1936. Ademais de organizar diversas actividades, o fin último é conseguir traer á súa vila natal os restos de Ramón Suárez Picallo, enterrados en Arxentina, e cumprir así coa súa vontade de descansar na súa terra. A coordinadora do grupo, Rexina Basadre, falou para Vieiros sobre os actos de homenaxe.

Vieiros: Cando naceu a idea de lembrar os dous irmáns Suárez Picallo?

Rexina Basadre: A idea naceu esta primavera. Había en Sada membros da comisión que xa levaban dous ou tres anos traballando no acontecido nos anos da República e na Guerra Civil en relación a Sada. Entón, Lito, que e este home, ten subido a Xenealoxía.org información sobre a familia. El é bisneto dun dos asasinados, e si que había xa xente nesta causa, non co obxectivo concreto de dos irmáns Suárez Picallo.

Un dos seus obxectivos é repatriar os restos de Ramón Suárez Picallo.

Ese é un dos temas que temos menos traballado. Estamos nunha fase de intensa busca bibliográfica e estabelecer contactos con xente estudosa do autor. Temos un contacto con Hernán Díaz, coordinador do Centro de Estudos Ramón Suárez Picallo, que ten tamén ese obxectivo de facer un traballo sobre a emigración galega en Arxentina. Tamén contactamos con Eduardo Moure, escritor chileno que recompilou os textos de Suárez Picallo na súa estancia en Chile. Atópanse no Consello da Cultura Galega á espera de seren publicados.

No que se refire á repatriación dos restos, falamos co Concello, pero aínda está bastante verde. Creo que non hai dificultades. Falamos coa familia que ten en Sada. O seu sobriño-neto está conforme, colabora en todo o que faga falta, e de momento sabemos pouco máis. Creo que está aínda no principio.

Teñen contacto e apoio doutros familiares?

Só temos contacto con este sobriño. Os dous irmáns morreron sen fillos, os irmáns morreron fóra. En Galiza non teño coñecemento doutros sobriños-netos. Ese sobriño é o único que vive en Sada, mesmo en fronte da casa onde naceron os irmáns Suárez Picallo.

E falaron co concello ou con outras institucións para que os apoiasen a organizar a homenaxe?

Aínda non se materializaron os apoios. Estamos a formalizar a Comisión, e antes de fin de ano o que nos urxe é o financiamento. Por iso queremos legalizar a entidade para poder optar ás subvencións. Co Concello si que temos o apoio, pero van ser actos que non poderá asumir en solitario. Haberá xornadas, mesas redondas, e publicaremos dous libros, un de cada irmán. Antón non chegou a editar nada en vida pero tivo moita actividade política. Haberá discursos e algún artigo seu. O outro libro será de Ramón e a súa relación con Sada, pois xa hai outros dous libros del publicados por Ediciós do Castro.

Serán todos os actos no 2008?

O noso horizonte é ese ano, ou mesmo algo antes. O 27 deste mes vaise inaugurar un monolito dedicado ás vítimas da represión franquista. Ese acto sería un bo momento para anunciar oficialmente o ano de homenaxe aos irmáns Suárez Picallo, pois Antón figura nesa placa. A partir de aí, irán comezando os actos e, se podemos, unha obra de teatro. Ramón escribiu dúas, Amarola e A taberna da Trenla, pero estanos a custar moito atopalas. Se nos fose posíbel fariamos unha montaxe teatral dalgunha das dúas obras ou algo que rememorase pasaxes da súa vida. É unha homenaxe múltiple: exposicións, as xornadas... e a traída dos restos xa non ten data. Non me atrevo a dicir nin que vaia ser no 2008.


4,67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: