O SLI da Universidade de Vigo permite facer procuras e situar en mapa os nomes oficiais dos máis de 37.000 lugares de Galiza.
Xa está á disposición do público un novo servizo web para consultar e localizar os topónimos oficiais dos 37.297 lugares do país. O Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo puxo en liña Aquén, unha ferramenta que recolle todos os nomes estabelecidos na lexislación vixente.
Grazas a esta utilidade, pódense localizar topónimos completos ou partes dos mesmos, coa parroquia e o concello ao que pertencen, e tamén permite comprobar a abundancia de cada nome no país. Ademais, os resultados inclúen cadansúa ligazón cos mapas de Google, para ver a situación de cada lugar, ben sexa nun plano ou en imaxes tomadas por satélite.