Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Galicreques 2007

Os monicreques pasean por Compostela

Un total de 25 compañías de 15 países (sete delas son galegas), participan, do 1 ao 7 de outubro, na que xa é a XIII edición de Galicreques. Aquí podemos ver un adianto: O gato simple, de Títeres Cascanueces, está este martes no Teatro Principal:

Redacción - 19:42 01/10/2007



O festival internacional de títeres organizado pola Concellaría de Cultura e a Asociación Cultural Barriga Verde vén cheo de sorpresas: novos espazos, logo do peche de Sala Yago, e novas actuacións. Para suplir as carencias que podía supor na programación a falta do espazo referencial, a alma mater dos títeres en Compostela, instalouse na Alameda unha carpa que, a xeito de "Sala Yago no exilio", como bromea Jorge Rey, director do festival, acollerá a todos os públicos.

Poderemos ver as últimas achegas de compañías galega tan nomeadas como Cachirulo, que presenta a didáctica Do, re, mi, Mozart xoga aquí, un achegamento lúdico e tenro á figura do xenial compositor, e O calcetín amarelo. Cascanueces, c'O gato simple, ou Caramuxo, con Glub, glub, achegan dúas obriñas sinxelas e divertidas para os máis pequenos. Ademais, non podemos deixar de asistir a un espectáculo único no mundo: o circo de pulgas de Carruselo.

Volta aos títeres de rúa

O espectáculo de bululú, ou a nosa tradición dos romances de cego, volverán coa mesma forza de hai moitos séculos ás rúas compostelás: Santi Prego e María Xosé López traen os seus romances de cego á Praza Roxa, e a compañía lalinense Seisdedos, c'O cego dos monifates, lembra os tradicionais cantares de cego acompañado polas súas marionetas. Tamén Antón Castro hanos achegar ao mundo da tradición oral.

Ademais, Bululús é un espectáculo en que participan compañías galegas, de Euskadi, Madrid, Cataluña, México e Italia, para homenaxearen, con teatro de rúa, ao desaparecido Pepe Otal. O gran artista do títere nacera en Albacete hai 61 anos, e morreu o pasado 25 de xullo.

Dende outras latitudes...

Contaremos cun número importante de compañías latinoamericanas: os arxentinos Chachakün, con El investigatopo dopo, e Los Bufones con O gran delirio de Anacleto e Cascarrabias. Dende Colombia, Granito cafecito achéganos unha versión ecoloxista d'Os tres porquiños. Contos in-versos (para nenos trastes) son os que nos trae a compañía venezolana Centro de Produción de Actividades Alternas. Por último, a compañía arxentina El Chonchón recupera o cinema cómico de Cantinflas, Chaplin ou O gordo e o fraco con Los bufos de la matiné.

Tamén veremos a compañías do resto da Península: a malagueña Surterráneo teatro, con A gata María, a madrileña Bravonel cunha aventura inspirada no teatro clásico, e o Quixote, segundo a valenciá Bambalina. Imos alén Miño: Marionetas, actores e objectos traen dende Viana dúas montaxes, e un fondo interese en colaborar con Barriga Verde en circuítos de títeres entre Galiza e Portugal.ç

Volve, outro ano máis, o belga Plansjet co'A danza das marionetas, e chegan novas compañías europeas: Teatro dei fauni trae dende Suíza unha preciosa historia contada con actriz e monicreques, e Claudio Cinelli pecha o sábado cun espectáculo único: unha selección de ópera interpretada polas súas mans.Viktor Antonov trae máis números de circo dende Rusia: esta vez son títeres de corda os que realizan todo tipo de acrobacias. E La compagnie du petit monde trae a inocente historia dun calcetín e o seu despistado dono nun teatro de sombras. Volveremos á tradición (napolitana, neste caso), da man do italiano Gianluca di Mateo.

E dende Turquía, poderemos gozar dunha impresionantes experiencia estética da man de Cengiz Özek Shadow Theatre. O seu teatro de sombras, en perfecta harmonía coa música, non nos vai deixar indiferentes. E as marionetas de Sri Lanka amosarannos a mellor tradición dancística do seu país. En resumo, as marionetas enchen Compostela de maxia un ano máis, demostrando que son aptas para todos os espazos, para todos os públicos e para todos os gustos. Temos unha semana enteira para descubrilas


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Bululús percorrerán varios espazos con diferentes espectáculos
Bululús percorrerán varios espazos con diferentes espectáculos
Claudio Cinelli interpreta ópera coas mans
Claudio Cinelli interpreta ópera coas mans
O gato simple, de Títeres Cascanueces, en Galicreques
O gato simple, de Títeres Cascanueces, en Galicreques