Esta é a pregunta da semana na bitácora oficial estreada polo departamento de Estado do goberno Bush.
"Máis ca nunca, os sucesos mundiais aféctanlle ás nosas vidas diarias", conta Sean McCormack, do gabinete do Departamento de Estado do executivo estadounidense nunha das primeiras entradas da bitácora DipNote. A través desta web, prometen fornecerlle aos cidadáns de información sobre a actividade en política exterior e darlles oportunidade para o debate.
O convite comeza cunha pregunta directa: "A quen lle deberiamos permitir ter tecnoloxía nuclear?". Medio cento de internautas deixaron xa as súas opinións sobre a cuestión. Así por exemplo, desde Wisconsin, unha internauta que asina Brianna escribe: "Nós non gobernamos o mundo, e deberiamos parar de actuar coma se o fixésemos". Outro propón reformular a pregunta: "Debemos preguntármonos como pode ser usado ou mellorado o Tratado de Non Proliferación para instar a outros países a non desenvolver armas nucleares".