PSdeG e BNG subliñaran no acordo de goberno a necesidade de afrontar esa reforma. Agora, Dolores Villarino descarta os cambios na segunda metade de lexislatura.
"Non é o momento", opinou a presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, durante unha entrevista na Cadena Ser este domingo. Villarino explicou que pasado o ecuador desta lexislatura teríase sobrepasado xa o momento máis axeitado para afrontar eses cambios.
"Prestámoslle todo o noso apoio e o do equipo xurídico do Parlamento", comentou Villarino, "pero isto ao principio da lexislatura, que é cando se fan este tipo de reformas, e talvez agora os grupos non consideren que é o mellor momento, na altura da metade da lexislatura e con procesos electorais por diante, para modificar o regulamento", indicou. "Xa se nota a tensión", reflexionou Dolores Villarino ao respecto da situación dos grupos parlamentarios. Así e todo, insistiu a presidenta do Parlamento en que a actividade da institución nestes últimos dous anos reflicte un funcionamento significativamente mellor ca nos períodos anteriores. Foi nese sentido que destacou a tramitación en dous anos de até 19 novas leis, "o dobre ca nun mandato completo de Manuel Fraga".