Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ATÉ O 7 DE OUTUBRO EN MONTEVIDEO

Galiza, país convidado na Feira do Libro de Uruguai

É o único país non americano con stand propio na 30ª edición da mostra, cun variado programa de actividades.

Débora Campos - 10:15 29/09/2007

Coa presenza duns dous mil visitantes, comezou este xoves na cidade de Montevideo a XXX Feira do Libro de Uruguai. Na mostra, Galiza é o único país non americano con stand propio e alí presentará un programa de actividades que inclúen recitais, actuacións musicais, presentacións de libros e unha mesa redonda para espallar a cultura e a lingua galegas no país austral.

"Estamos satisfeitos porque se nota a avidez dos visitantes por coñecer as novidades literarias e xa comezaron as vendas", destacou á prensa internacional a xerente da Cámara Uruguaia do Libro, Adriana Lucian, que organiza a mostra.

Na feira foron situados 75 pavillóns de editoriais, librerías e empresas vinculadas ao sector, e hai oficiais entre os que salienta o da Consellería de Cultura da Xunta. Segundo os cálculos dos responsables da mostra, unhas 200.000 persoas percorrerán o sitio ata o día 7 de outubro, cando peche.

A primeira vez


Por primeira vez, a Consellaría de Cultura participa nun stand propio para a produción cultural galega e coa colaboración do Padroado da Cultura Galega de Montevideo foron organizadas diversas actividades.

Na xornada inaugural do xoves tivo lugar a presentación do libro Relato dun emigrante, do editor e libreiro Manuel Losa. O acto desenvolveuse no Salón Vermello da Intendencia, a cargo de Élida Abal Santorum, profesora de Lingua e Literatura Galega e membro do CEGAL. Ao remate da presentación, o grupo de pandeireiras e gaiteiros do Centro Val Miñor ofreceron unha actuación musical.

Este venres, membros do Padroado da Cultura Galega procederán á lectura pública de obras de Castelao, no Salón Exterior da Feira. Para o sábado está programado un recital e concerto de homenaxe á poesía galega, coa participación da cantante Cristina Fernández, que terá lugar no Salón Azul da Intendencia.

Programa

E hai máis. O luns, o escultor José Villaverde e o xornalista Mané de Gulfar encargaranse de presentar unha lectura poética da man do actor Andrés Pazos, que recitará poemas galegos publicados na revista uruguaia "La Tertulia".

Por último, na xornada que precede ao peche da Feira, o sábado 6, organizarase unha mesa redonda sobre a figura do poeta José Alonso y Trelles, "El Viejo Pancho". Este autor xa fora lembrado nunhas xornadas celebradas hai poucos días en Ribadeo, a súa vila natal, que pretenderon explorar os vínculos culturais entre Galiza e Uruguai a través da súa figura e en conmemoración do 150 aniversario do seu nacemento.

Esa mesa será presidida polo Director da Biblioteca Nacional de Uruguai, Tomás de Mattos, e intervirán a profesora da Universidade de Uruguai Alicia Torres, para falar sobre o inmigrante galego na literatura uruguaia; e o profesor Nicolás Gropp, que ofrecerá un relatorio sobre os artigos de prensa do poeta.

Pola súa banda, a profesora María de Los Ángeles González Briz colaborará no coloquio cunha intervención sobre migración e arraigo na obra de José Alonso y Trelles. Ao remate, o grupo de Danza Crioula do Padroado da Cultura Galega ofrecerá unha actuación.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A presentación do libro "Relato dun emigrante" contou coa presenza do editor e libreiro Manuel Losa e a profesora de Lingua e Literatura Galega e membro do CEGAL Élida Abal San
A presentación do libro "Relato dun emigrante" contou coa presenza do editor e libreiro Manuel Losa e a profesora de Lingua e Literatura Galega e membro do CEGAL Élida Abal San
Por primeira vez, a Feira do Libro de Uruguai conta cun stand galego. Foto: M.L.Faraldo
Por primeira vez, a Feira do Libro de Uruguai conta cun stand galego. Foto: M.L.Faraldo