O PPdeG insiste en deixar ao ex presidente da Xunta á marxe e ofrecen o mesmo trato para Touriño. Os socios do bipartito aseguran que non van permitir a manobra.
O ex presidente da Xunta, Manuel Fraga, vai declarar na comisión que analizará a xestión da Cidade da Cultura. Aínda que o PPdeG propuxo esta semana deixar á marxe ao ex mandatario e, en compensación, ao actual presidente, Emilio Pérez Touriño, socialistas e nacionalistas coinciden en que os dous deben dar explicacións no Parlamento.
As tres formacións tentaron achegar posturas este mércores pola tarde para lograr unha listaxe consensuada, mais, até o momento, non hai acordo. Segundo puido saber Vieiros, os socios do bipartito teñen xa unha proposta conxunta firme enriba da mesa que intentan que acepte o PPdeG. De non lograr o obxectivo, están dispostos a sacala adiante sen o apoio dos conservadores.