Comeza en Padrón unha serie de seminarios que se desenvolverán en cinco vilas do país.
María do Cebreiro / Foto: aelg.org
Este mércores á tarde arranca en Padrón un obradoiro de creación literaria que vai impartir a escritora María do Cebreiro. Organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega coa colaboración do Servizo de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta, forma parte dun ciclo de cinco obradoiros que se desenvolverán tamén en Ribeira, Santa Comba, Sanxenxo e Curtis, dirixidos principalmente a colectivos femininos.
Vieiros: Non é un pouco contraditorio “ensinar a crear literatura”?
María do Cebreiro: Algo de contradición pode parecer, aínda que eu creo moito no traballo e pouco na inspiración. Aí rompo coa idea romántica de que non se pode aprender a crear. Máis ben hai que desaprender os hábitos que nos bloquean. A creación véxoa como a busca dun espazo de liberdade. É como aprender a respirar, que hai que volver a facer como respiran os bebés, retornar ao comezo e evitar os malos hábitos adquiridos.
V: É o primeiro obradoiro deste tipo que imparte?
M. C: A min pediumo a AELG, eu eu vino como unha actividade de animación e de incentivación. Considérome máis ben unha escritora e profesora de literatura metida a animadora. Outro aliciente é que vai dirixido a un público de mulleres maiores de 45 anos, que é un perfil co que non traballara. Sóeme gustar participar en experiencias novidosas e ese é o porqué de aceptar.
V: E que metodoloxía vai empregar?
M. C.: Vai estar lonxe de técnicas de escrita e máis próxima a retomar o sentido de liberdade que pode ter o encontro coa palabra. Tratarase de construír ese espazo de encontro máis ca dar receitas sobre literatura. Logo, cadaquén que o desenvolva ao seu xeito.