A edil socialista no Congreso María José Porteiro será a máxima responsable da da primeira oficina que o goberno galego impulsa para a súa representación no exterior. Será inaugurada en Bos Aires polo Presidente.
O nome foi anunciado e, como era de esperar, a polémica non tardou en estoupar. O Presidente confirmou este luns que a deputada no Congreso María José Porteiro será a máxima responsable da Delegación da Xunta de Galicia en Arxentina. E de contado, dende o PPdeG se opinou que a elección deixa en claro "un novo paso do Executivo galego para tratar de manipular a emigración galega á busca de réditos políticos".
A oficina que comezará a funcionar na capital da Arxentina será a primeira institución deste tipo que impulsa o goberno galego no estranxeiro e será inaugurada na cidade de Bos Aires polo propio Presidente dentro da viaxe que iniciará a Sudamérica o próximo 4 de outubro.
A elección de Porteiro, que será nomeada polo Consello este xoves 27 para dirixir a Delegación en Bos Aires, fíxose pola súa "dilatada experiencia" no ámbito das relacións exteriores, dado que é a portavoz adxunta da Comisión de Asuntos Exteriores e ademais encárgase de redactar a parte do programa electoral do PSOE relativa ás relacións con Iberoámerica.
Para cumprir con esta nova tarefa Porteiro deixará o seu escano no Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra para exercer en Bos Aires e disporá de rango de Subdirectora Xeral tras o seu nomeamento.
O voto da diáspora
Con todo, para o PPdeG, a elección de Touriño constitúe "un novo paso do Executivo galego para tratar de manipular a emigración galega á busca de réditos políticos". José Manuel Castelao Bragaña, portavoz de Emigración do Grupo Popular, opinou que con esta decisión, o presidente da Xunta, "promove unha nova volta de rosca na estratexia deseñada polo PSOE para manipular o voto da diáspora, como xa fixera previamente desde o Goberno central ao nomear un embaixador político para as comunidades do exterior (o socialista Miguel Cortizo), pagado con cartos de todos os españois".
Ademais, insistiu en que Touriño "está a exercer o poder dende unha óptica absolutamente partidista e que todas as súas decisións se adoptan en función dos intereses que máis lle conveñan ao PSOE en cada momento, o que explica a obsesión do titular do Executivo por politizar as institucións galegas do exterior".
"Así debe ser"
"Que nomeamento dun alto cargo non será partidista en democracia?, creo que así debe ser", respondeu o xefe do Executivo este luns pola mañá, preguntado por se non cre que o nomeamento de Porteiro pode ser interpretado de forma partidista. "Estamos a falar de nomeamentos de libre designación e de altos cargos da Xunta", engadiu ao lembrar que el mesmo é secretario xeral do PSOE e o vicepresidente, portavoz nacional do BNG.
Pérez Touriño garantiu que a Xunta "opera con mecanismos de representación institucional" e insistiu en que este é "o encargo e a tarefa, o que manda o decreto de fundación deste instrumento do que nos dotamos, e que é un paso e unha garantía da proximidade e a transparencia institucional".
A misión fundamental da Delegada da Xunta de Galicia en Arxentina será a atención á cidadanía galega no país que conta cunha maior colonia de emigrantes, así como a promoción da lingua e a cultura, as relacións económicas e a cooperación ao desenvolvemento co país que se converteu na quinta provincia galega.