Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OPINIÓN

U-la Cidade da Cultura?

Xesús Redondo Abuín, dirixente histórico de CCOO e membro da Plataforma Cultura Si, Mausoleo Non, expón a súa visión do proxecto no Gaiás.

Redacción - 11:25 23/09/2007

Eu non a diviso, e vivo en Fontiñas. Nin que fose virtual. Non se ve por máis que se mire cara alí. Todos falan dela, pero ninguén nola ensina. E, pois que a pagamos, esiximos vela, úrxenos saber como é e para que serve ou non serve. Temos dereito a saber o que está feito e o que se pensa ou non pensa facer, porque non hai maneira de ver nin o que é nin o que se pensa ou non vai ser. Eu, que non son cego, miro para o Gaiás e só vexo como a silueta dun camelo de tres chepas e como un dedo que semella facernos ós que corremos cos gastos un aceno obsceno. O feito e o non feito no Monte Gaiás é a proba obvia de que o que os chamou polos camiños da función política ós uns e ós outros, ós de antes e ós de agora, non foi a filantropía senón a cobiza. Menos mal que aí está a Plataforma Cidadán que tanto os irrita. Eu tamén estou aí. Por civismo. Nada persoal persigo.

E ninguén fale aquí de piquetas. Falemos de aclarar conceptos, de recuperar o malversado e de non investir nin outro euro público a libre albedrío dos cargos políticos que pasan ó cobro facturas de 300 euros por comida. Xa lle chega ben de libre albedrío ¡Quen me dera a min saber cánto dan de si catrocentos millóns de euros administrados rectamente! E de nada valeron, ou de moi pouco, porque o certo é que antes o Gaiás era un monte e agora nin monte é ¡Para iso se moveron nel un millón de toneladas de terra! O de ‘burro grande ande ou non ande’ é a gran burrada do gran canalla de Estado que o mandou facer emulando a Gengis Kan en aires de grandeza.

Pero non é o único responsable o goberno anterior. Tamén o é o de agora. O de agora ten moito que explicar e que corrixir. E nós moito que esixir. Somos os únicos que aportamos liquidez a esa billa. O bigoberno este ten dous asuntos non pequenos -Cidade da Cultura e planta de gas de Mugardos- que non pode eludir aducindo que se topou con eles aí: o que o home monta, pode desmontalo e volvelo a montar en sitio de menos risco para a cidadanía civil e o que foi mal concibido, debe tratar de reconducilo. Din que lles houbese gustado oír no seu día as voces agora críticas ¡Serán cínicos! PSOE e BNG eran medio Parlamento de Galicia e no seu día nin sequera lograron sensibilizar ás bases dos seus propios partidos.

Di o medio presidente que lle preocupan as irregularidades descubertas polo Consello de Contas. O mesmo di o outro medio. E eu tamén o digo. Pero eu ademais digo que con preocuparme as irregularidades moito, máis me preocupan aínda as regularidades da obra en si: constitúe un total e completo esquilme á cidadanía de Europa, de España e de Galicia. Porque os cartos que seguen fluíndo por esa billa non saen da circulación do capital, como afirman a Condesa de Fenosa e a Duquesa de Alba, senón que son forza de traballo afanada ós asalariados de Galicia e de todos os confíns. Marx dixo hai máis de século e medio que a plusvalía é forza de traballo que se apropia pola cara o capitalismo. E quedou todo dito. Engels chamoulle o Alejandro Magno do pensamento e mellor non podía definilo.

Pois ó actual Alcalde de Santiago nin sequera lle preocupan as irregularidades que din lle preocupan ós dous medio presidentes do bigoberno de Galicia ou Galiza, desde que abandonou os dogmas do libro roxo do Gran Timonel o libro de cabeceira do agora Alcalde de Compostela é a súa propia carteira. Falou así hoxe mesmo: “Ningún comerciante que queira vender un produto se dedica a poñer anuncios que digan ‘este produto é un desastre’ ¡Como están oíndo! ¿Úlo talante progresista deste home? ¿Úlo cambio prometido? ¡Para cuspir, señoras e señores contribuíntes, para cuspir!


4,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: