Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
RELATOS NA REDE

Chega o outono a 'Onde sempre é bosque'

Camilo Franco deixounos o últimos dos trece relatos que nos acompañaron ao longo do verán.

Redacción - 17:12 21/09/2007

O tempo de outono chega a 'Onde sempre é bosque'. Ao longo de tres meses, a mellor literatura do país veu á cabeceira de Vieiros. Cada semana un relato, un monllo de palabras para defender espazos que son de todos, era o eixo sobre o que virou este experimento. Agora que caen as follas e se apagan os bytes, quedan na nosa memoria os trece relatos que lle foron dando forma a esta particular fraga cibernética.

Coa colaboración das consellarías de Cultura e Medio Rural, quixemos contar que os nosos bosques non só teñen un valor ecolóxico e económico indubidábel, tamén son un activo cultural de primeira orde. Detrás dos carballos, dos teixos ou das sobreiras tamén hai historias, memoria do que fomos e do que aínda somos.

Percorremos o Monte Meda da man de Anxo Angueira; remontamos a Ribeira Sacra con Teresa Moure; sufrimos polo Courel con Xabier Cordal; espímonos no Eume con Rosa Aneiros; amamos as fragas chairegas canda Darío Xohán Cabana; consumímonos co Monte Castrove e Fina Casalderrey; buscamos a patria da infancia con Queipo; naufragamos en Cortegada con Anxos Sumai; acadamos o Monte da Silva con Murado; sorprendémonos co Rego do Foxo de Marilar Aleixandre; axeonllámonos diante do Pindo con Queizán; e con Camilo Franco saltamos a cancela que leva ao Teixadal de Casaio.

Os trasgos impediron á última hora que tamén viaxaran connosco Manuel Rivas e Méndez Ferrín. Adentrámonos onde sempre é bosque e transitamos coa mellor literatura polos meses do verán.


4,6/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: