Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Consello da Xunta

As escolas de idiomas amplían a oferta a once idiomas

A Xunta aprobou un decreto que regula as ensinanzas de idiomas de réxime especial, incorporando o ensino do xaponés e chinés.

Redacción - 17:16 20/09/2007
Neste curso os alumnos poderanse matricular en xaponés e en chinés

Neste curso os alumnos poderanse matricular en xaponés e en chinés

No Consello da Xunta, da quinta feira á mañá, aprobouse un decreto que acrecenta a oferta das escolas de idiomas; un proxecto de aproveitamento da biomasa no sur de Galiza; e o Plan de Desenvolvemento Xitano, que a Xunta vai executar en colaboración co Ministerio de Traballo.

Pérez Touriño: O novo decreto é unha "aposta polo multilingüismo do Goberno galego"
Con estas palabras Touriño referíase ao incremento de idiomas de réxime especial que, dende este curso, se van impartir nos centros galegos. Haberá clases de chinés e xaponés, co que se poderán estudar en Galiza 11 linguas distintas.

O decreto aprobado hoxe, conforme ao que recolle a Lei Orgánica de Educación (LOE), estabelece a ordenación das ensinanzas de idiomas de réxime especial e os currículos dos niveis básico e intermedio, unha norma que afecta ás escolas oficiais de idiomas.

Conforme a este decreto, existen tres niveis no ensino de idiomas de réxime especial, básico, intermedio e avanzado, que se desenvolverán en dous cursos cada un, e á súa vez, cada curso constará de 130 horas de ensino.

Ademais, Touriño concretou que "o título de bacharelato dará acceso ao primeiro curso do grao intermedio. "É dicir -indicou o presidente da Xunta-, que se trata dunha aposta polo ensino de idiomas para a poboación unha vez que supera as etapas do ensino escolar, onde a aprendizaxe de linguas vai por outras vías".

14 escolas de idiomas en Galiza
Ademais de nas sete cidades galegas, hai unha escola de idiomas en Monforte, Ribadeo, Viveiro, Vilagarcía de Arousa -a punto de se inaugurar-, Carballo, O Barco e Verín. Esta oferta amplíase agora con 9 novas seccións en Culleredo, Cee, Noia, Carballiño, Lalín, Tui e Cangas e coa ampliación da de Compostela.

Regulación das ensinanzas especiais de danza
A Xunta tamén aprobou un decreto que regula o grao elemental das ensinanzas de réxime especial de danza, un labor que a LOE deposita nas comunidades autónomas con competencias.

Con isto ábrese a posibilidade de estabelecer unha convocatoria extraordinaria para recuperar materia; ábrense tamén tres itinerarios no cuarto curso -danza clásica, española e contemporánea-; e inclúese o fomento do estudo da danza galega nos cursos correspondentes.

Plans de Desenvolvemento para o pobo xitano e do sector naval
Na quinta feira tamén se asinou un convenio entre a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais para executar o Plan de Desenvolvemento Xitano para este ano 2007, que persegue a atención, prevención e loita contra a marxinación deste colectivo e a prol da súa integración, con accións concretas que se desenvolverán en 15 concellos galegos.

A Xunta tamén ampliou a súa colaboración co colectivo de Pequeños y Medianos Astilleros Sociedad de Reconversión S.A. (PYMAR), co que se vai ampliar a achega aos fondos de garantía, en resposta á crecente demanda de traballo que está a rexistrar o sector naval.

Aproveitamento da biomasa forestal
Os propietarios dos montes de man común de Xinzo-Ponteareas aproveitarán a biomasa forestal, dentro das iniciativas da Xunta para o aproveitamento enerxético do monte galego, o que pode crear emprego rural.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: