Despois de que PP e PSOE se aliasen no congreso contra a reforma da Lei do Deporte, a directora xeral pon en valor o traballo feito.
Os deputados vascos, cataláns e galegos sosteñen as camisolas das súas respectivas seleccións,á porta do Congreso / Imaxe: CiU
Pasada xa a polémica xornada no Congreso, no que os deputados de PP e PSOE xuntaron os seus votos contra a reforma da Lei do Deporte que propoñían ERC e CiU, que terminou coa exhibición das camisolas das seleccións nacionais catalás, galegas e vascas, a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, reitera a defensa das seleccións nacionais galegas, "unha empresa na que cremos e na que seguiremos a traballar".
Souto dixo tamén que os galegos, os vascos e os cataláns "temos non só o dereito a emocionarnos, senón tamén a identificarnos coas nosas respectivas seleccións", e que "a fotografía na que aparecen as camisolas das diferentes seleccións recoñece a pluralidade do Estado español".
Segundo a titular de Deporte, en Galiza estase a traballar "xunto coas federacións, para poñer en valor os nosos deportistas e o noso deporte a través das seleccións galegas", algo que entra na axenda do día a día da Dirección Xeral.