Están programadas 324 funcións de teatro, danza e música de cámara a cargo de 70 compañías, para todo o que queda de ano.
O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, o IGAEM, vén de publicar o segundo número de Paraíso, a revista de promoción das actividades da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que trae toda a programación para o que queda de ano.
700 actuacións por toga Galiza
A Rede Galega de de Teatros e Auditorios funcionou durante todo o ano por toda Galiza, cunha programación composta de 700 actuacións.
Nesta nova carteleira, o teatro galego é o protagonista, copando un 78% da nova carteleira, coa participación de 21 compañías do país, con propostas dirixidas ao público adulto, 12 de teatro infantil e 6 de monicreques. O resto das actuacións corresponde á danza, así como á música de cámara e ao teatro chegado de fóra de Galiza -25 funcións.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios...
... pecha o seu primeiro ano de actividade tras o proceso de reforma que iniciara en 2006 cun obxectivo prioritario: reforzar a presenza pública do circuíto e fomentar unha imaxe de marca baseada na calidade, dinamismo e estabilidade das súas programacións.
Neste novo contexto, naceu a revista semestral Paraíso, que na súa segunda entrega amosa un caderno central con toda a listaxe de funcións ordenadas cronoloxicamente, ademais de fichas particulares de cada un dos espectáculos que o público poderá presenciar nas 44 cidades e vilas galegas que prestan os seus espazos escénicos.
Este segundo número, que está xa a disposición dos espectadores de xeito gratuíto nos teatros galegos, figuran tamén unha entrevista á autora e directora Ana Vallés, así como informacións e reportaxes sobre as compañías Lagarta Lagarta e Nova Galega de Danza, o teatro de monicreques en Galiza, o novo circo galego, o traballo do Grupo de Música Antiga Martín Códax ou unha crónica sobre a pasada estrea do espectáculo 30.000, da compañía de danza Pisando Ovos, que é ademais a imaxe de portada.A revista pódese descargar, asemade, en formato pdf a través da páxina web do IGAEM, ou clicando aquí mesmo.