Anxo Quintana, Josu Jon Imaz e Artur Mas participan este sábado na escola de verán de Convergència Democratica de Catalunya.
Os tres representantes de Galeuscat, o 28 de xuño de 2006 en Compostela
O vicepresidente do Goberno e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, participa este sábado ás 12.15 horas nunha mesa redonda en Barcelona xunto co aínda presidente do PNV, Josu Jon Imaz, -que reaparece por primeira vez tras anunciar a súa decisión de abandonar a política-, e o presidente de CIU, Artur Mas.
Galeuscat, a alternativa plurinacional á construción do Estado é o título do debate, organizado no marco da escola de verán de Convergència Democratica de Catalunya, da que Mas tamén é o seu secretario xeral.
Respecto a renuncia de Josu Jon Imaz a se presentar a reelección como presidente do PNV, fontes da dirección do BNG descartaron que vaia influír nas relacións entre ambas as dúas formacións nin no seo da alianza Galeuscat, xa que consideran que os proxectos "están por riba das persoas e á marxe das continxencias internas dos partidos".
Segundo argumentaron os nacionalistas, as relacións entre nacionalistas galegos, vascos e cataláns se enraízan nunha visión compartida sobre o Estado español, á marxe dos vínculos persoais entre os líderes das tres formacións. Porén, recoñeceron que a sintonía entre Imaz e Quintana, é "moi boa".
Neste senso, recordaron que cando se refundou Galeuscat, á fronte de PNV, CIU e BNG non estaban nin Josu Jon Imaz, nin Artur Mas, nin Anxo Quintana.
Ademais, estas fontes descartaron que a polémica entre posibilismo e soberanismo se poida trasladar ao nacionalismo galego, xa que a política en Euskadi "está condicionada por un factor distorsionador -ETA- que en Galiza non se dá". "Aquí as circunstancias son distintas", remarcaron.
Nesta liña, salientaron que o BNG é "soberano" á hora de deseñar a súa estratexia política, que decide "en función aos intereses do país".