Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
POLAS BOAS RELACIÓNS CON CHINA

O executivo portugués négase a recibir ao Dalai Lama

A recusa do Goberno a recibir ao Dalai Lama durante a súa visita a Portugal está a suscitar críticas da oposición, mais tamén do propio partido no goberno, o PS.

Redacción - 13:51 13/09/2007
O Dalai Lama

O Dalai Lama

O goberno portugués decidiu o pasado sábado non recibir oficialmente ao Dalai Lama, líder espiritual budista e do Tíbet no exilio e Premio Nobel da Paz en 1998, de visita no país. Na mañá da quinta feira o ministro dos Negócios Estrangeiros portugués, Luís Amado, afirmaba que esta decisión foi tomada no contexto das boas relacións con China e non por "ningunha presión de ningún goberno".

Mais o Dalai Lama, na súa primeira rolda de prensa en Portugal, restoulle importancia ao feito e lembrou que prefire non crear situación embarazosas alá onde vai: "o propósito da miña visita é promover o valor humano e a harmonía relixiosa. Nestes campos os gobernos poden facer pouco. O público e vostedes -dirixíndose á prensa- poden facer moito máis", dixo.

Críticas tamén dende o seo do Partido Socialista

Ademais de ser criticada polos partidos da oposición, -o PSD, o CDS-PP e o Bloco da Esquerda-, algúns dos membros do partido no goberno, o PS, opuxéronse a esta decisión. A eurodeputada Ana Gomes asegurou estar decepcionada xa que, segundo dixo, o goberno portugués vén de adoptar "unha política de sucumbir ás presións" que lle tira todo o crédito á política externa de Portugal en materia de dereitos humanos.

Pola contra, na quinta de mañá o presidente da Assembleia da República, Jaime José Matos da Gama, a segunda figura do Estado portugués, si vai recibir ao líder tibetano, que botará cinco días no país veciño onde dará conferencias e asistirá a varias xuntanzas con deputados, así como co alto representante das Nacións Unidas para a Alianza das Civilizacións, Jorge Sampaio.


4,6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: