Mentres, o presidente catalán fixo referencia no seu discurso á 'crise nas infraestruturas' e á necesidade de "mirar con realismo o horizonte político".
A Diada del Onze de setembre, a festa nacional de Cataluña, celébrase este martes no país mediterráneo marcada este ano polo debate sobre os investimentos en infraestruturas tras os problemas deste verán.
"Hai motivos de malestar (...), mais a preocupación e a xenreira xustificadas non nos deben levar ao pesimismo", afirmou José Montilla este luns á tardiña na mensaxe institucional que o presidente da Generalitat fai con ocasión da Diada. Neste senso dixo que as "carencias" neste eido se resolverán grazas ao investimento que fará posíbel o novo estatuto catalán.
Respecto aos que propugnan que a vía estatutaria está esgotada e que cómpre explorar a soberanista, Montilla propuxo "mirar con realismo o horizonte político".
Ofrenda floral
Ás 9.00 horas o presidente xunto co goberno en pleno encabezaron as ofrendas florais que institucións e entidades realizan ante o monumento a Rafael Casanova.
Máis dun centenar de manifestantes, na súa maioría grupos independentistas, apuparon aos dirixentes políticos. Tamén fixeron acto de presenza manifestantes que protestaban polos despedimentos en Seat ou membros do colectivo antitaurino.
Ademais, o PP de Cataluña acudiu de novo á ofrenda floral ao monumento tras tres anos sen estar presente, tras a decisión de Josep Piqué como protesta polo recibimento do que eran obxecto os dirixentes populares por parte dos manifestantes.
Montilla e os conselleiros da Vicepresidencia, Josep Lluís Carod-Rovira, e de Interior, Joan Saura, depositaron a ofrenda floral, e, acto seguido, todos os membros do goberno cantaron o himno nacional Els Segadors.
Repartimento da letra do himno
Tras a apertura de portas do pazo da Generalitat e do Parlament, o acto central da festividade trasládase ás 12.00 horas ao Parque da Ciutadella.
Para conseguir maior participación por parte da cidadanía, o goberno catalán reparte este ano 5.000 programas do acto, coa letra de Els Segadors e do Cant da Senyera, para animar aos asistentes a cantaren.
Poden ampliar a información no xornal catalán Vilaweb.