As descargas de filmes e videos a través da rede poñen en perigo o ancho de banda
A utilización cada vez máis importante de internet comeza a entorpecer as capacidades dalgúns operadores estadounidenses, que prefiren interromper o servizo a algúns clientes demasiado consumidores.
Comcast, un dos principais provedores de internet residencial en Estados Unidos, deixou sen conexión a varios clientes por un uso excesivo da banda ancha. "Non podo dicir cantos" clientes foron desconectados "pero debemos centrarnos no problema do uso abusivo, que ten un impacto sobre a capacidade doutros usuarios", indicou un portavoz de Comcast, Chalie Douglas. No entanto, destacou que estes casos de interrupción do servizo son moi raros.
O aumento da demanda de capacidade grazas ás descargas de películas de alta definición e os xogos en liña podería levar a unha crise do ancho de banda en Estados Unidos, afirma un recente informe do instituto de investigación ABI Research.
Nun intento por satisfacer a crecente demanda, os operadores compórtanse "como vendedores avaros que tratan de facer entrar dez libras de patacas en bolsas que poden conter cinco", afirma Stan Schatt, director de investigación en ABI.
Pola súa banda, Comcast destaca que un cliente é considerado abusivo cando intercambia 13 millóns de correos electrónicos por mes ou mil cancións por día.