Os islamistas moderados fican en segunda posición contra todo prognóstico. Os socialistas caen á quinta. Por outra banda, en Guatemala, dereitistas e socialdemócratas enfrontaranse nunha segunda volta.
Os islamistas moderados fican en segunda posición contra todo prognóstico, e os socialistas caen a quinta tras vencer nos anteriores comicios. Por outra banda, en Guatemala, dereitistas e socialdemócratas enfrontaranse nunha segunda volta.
O histórico partido nacionalista Istiqlal (Independencia), derrotou aos islamitas moderados nas eleccións lexislativas que tiveron lugar en Marrocos o pasado venres.
Cos datos oficiais aínda sen pechar na tarde do domingo, a alta abstención, que alcanzou o 63%, e as acusacións de corrupción e desorganización por parte dos islamitas moderados do Partido Xustiza e Desenvolvemento (PXD) marcaron o proceso. Ademais, un 19% dos votos foron nulos ou en branco.
Os observadores internacionais que supervisaron as eleccións, do National Democratic Institute (NDI), vinculado ao Partido Demócrata de EUA, salientaron "a estrita transparencia e la profesionalidade" do proceso, aínda que sinala, respecto a alta abstención, que "cómpre traballar para consolidar a democracia representativa".
O Istiqlal logrou colocarse en primeira posición con 52 escanos na Cámara de Representantes (325 escanos), cinco máis que os favoritos do PXD, que fican con 47. Entre os grandes perdedores figura a Unión Socialista de Forzas Populares (USFP), que perde 14 escanos e pasa de ser a primeira forza política do país á quinta.
A formación bérber e rural do Movemento Popular obtivo 43 escanos e a Unión Nacional de Independentes, 38. Polo peculiar sistema electoral marroquí é practicamente imposible que un partido resulte gañador con maioría absoluta. Saad Al-Othmani, líder do PXD, sinalou que a súa formación foi a máis votada mais acadou menos escanos.
Nas eleccións de 2002, cando a participación non superou o 52%, o PXD logrou 42 escanos, o que lle converteu no principal partido de oposición, por detrás do Istiqlal e a USFP, membros da coalición gobernamental.
Eleccións en Guatemala
Por outra banda, na madrugada do domingo ao luns rexistráronse en Guatemala disturbios tras o anuncio oficial dos primeiros resultados das eleccións xerais.
Escrutados a cuarta parte dos colexios, o dereitista Otto Pérez Molina vai en cabeza, cun 26,20%, seguido polo candidato socialdemócrata Álvaro Colom.
En polo menos cinco comunidades do interior do país, as forzas de seguridade tiveron que facer uso de gases lacrimóxenos para dispersar a manifestantes que rexeitan o resultado dos comicios municipais.
As sondaxes realizadas a pé de urna dábanlle o triunfo á coalición de centro-esquerda Unidade Nacional da Esperanza (UNE) de Colom con ao redor do 30% dos votos, seguido do Partido Patriota (PP) de Molina, o que confirmaría unha segunda volta entre os dous candidatos, que terá lugar o 4 de novembro.
O partido Esperanza da premio Nobel da Paz, Rigoberta Menchú, ficaría en sexto posto.