Xa podemos ir preparando pixamas e camisóns, as sabas máis bonitas que teñamos e unhas boas rodas... A asociación Grupo de Amigos de Meaño cítanos na vila para esta peculiar carreira.
Hai catorce anos, nunha noite de canfurnada, un grupo de amigos e membros da sociedade cultural e deportiva GAM decidiron pensar nalgunha actividade coa que poder complementar a carreira popular de Meaño e divertírense. A carreira de camas foi collendo corpo e converteuse no que hoxe é, un espectáculo en que predominan as ganas de pasalo ben.
Provistos dun somier, as mellores galas en canto a roupa de cama, un colchón, rodas e un sistema de freado minimamente fiábel xa se pode tomar parte nesta décimo cuarta edición da carreira de camas de Meaño. Adoita participar a xente da vila e, aínda que o prazo de inscrición está pechado, a asistencia é de balde.
Segundo Marcos Castro, o presidente do GAM, o que importa nesta cita é participar e pasalo ben. Non hai premios económicos, só trofeos aos tres primeiros e á cama máis orixinal. Neste caso, “valórase todo, desde o vestiario até a simpatía dos participantes”, afirma o responsábel da asociación. O que si se celebra, e tendo moi presente o principio desta festa, a parte lúdica, é unha cea para todos e todas as que arrinquen da liña de saída, aínda que caian nada máis comezar. Será por decembro, cando finalicen os traballos da vendima.
Como na Vuelta, pero entre cobertores
Arredor de dous quilómetros e medio, ou o que é o mesmo, cinco voltas arredor dun circuíto urbano de cincocentos metros, as parellas terán que facer valer as súas forzas e enxeño para rematar a proba. Coma nas mellores voltas ciclistas, a chegada é en alto, polo que estes treitos haberá que facelos empurrando a cama, xa que non poden conter ningún sistema motor adicional.
Esta carreira é froito dun colectivo de persoas con ganas de dinamizar a parroquia de Meaño movidas polo éxito que acadou a proba desde a primeira edición, en 1994. Aínda que inicialmente se celebrase en maio, por motivos climatolóxicos, desde o cuarto ano, a organización trasladou a festa a a setembro, data que se conserva hoxe en día.