Diversos colectivos temen que o novo centro sirva para propagar o radicalismo islámico, e avogan por que o goberno deixe de subvencionar os colexios relixiosos.
A escola está situada no barrio de Brooklyn
"Non é en absoluto unha escola relixiosa", declarou Garth Harris, responsábel do Departamento de Educación da cidade, en referencia á primeira escola bilingüe en árabe e en inglés da cidade de Nova York, a Academia Internacional Khalil Gibran, que leva este nome na honra dun importante poeta cristián libanés do século XX.
"Este centro busca a excelencia, como decenas doutras escolas bilingües de Nova York que ensinan chinés, francés ou ruso", díxolles Harris aos xornalistas agrupados fronte ao edificio, situado no barrio de Brooklyn. A cidade de Nova York conta con máis de 200 escolas cuxos programas prevén un ensino bilingüe.
O martes pola mañá, unha quincena de axentes de policía controlaba a entrada ao colexio, ao que acudiron no seu primeiro día de clase cativos de moi diferentes orixes étnicas. Dos 59 escolares matriculados, nenos e nenas, todos teñen uns 12 anos e tan só nove falan árabe correctamente.
Dimisión
A actual directora, Danielle Salzberg, é xudía, e foi nomeada a mediados de agosto, despois de que a mediados de agosto a antiga responsábel do colexio, a arabófona Debbie Almontaser vírase obrigada a renunciar. Esta recibira duras críticas tras se negar a condenar o lema dunha camiseta usada por activistas dunha asociación cultural de mulleres musulmás, AWAAM, coa inscrición Intifada NYC.
"Algúns pais elixiron esta escola para que os seus fillos se vexan favorecidos á hora de acceder ao mercado laboral internacional", sinalou Harris. "O meu fillo pode que participe en negociacións de paz no futuro, porque será totalmente bilingüe logo dos seus estudos", prognosticou unha nai.
'Stop the Madrassa'
Namentres, membros do colectivo Stop the Madrassa desprazáronse á casa do concello neoiorquino para reclamar o peche da escola. Madrassa significa escola en árabe, xa sexa relixiosa ou secular, mais en EUA, a palabra está asociada aos centros de educación islámica radical.
Segundo Frank Gaffney, presidente do Centre for Security and Policy de Washington e antigo colaborador de Ronald Reagan, oposto á Academia Internacional Khalil Gibran, non están en contra da ensinanza en árabe senón do método que consideran "inapropiado e perigoso para todo o país".
"A relixión non debe formar parte en ningunha das nosas escolas. Este é un colexio público", engadiu Gaffney, en consonancia co parecer de grande parte da sociedade americana que, nas últimas datas, se está a posicionar en contra de que as escolas relixiosas sexan subvencionadas polo goberno, xa que consideran violan a separación entre igrexa e Estado.