A sexta tirada da Vuelta remata cunha nova vitoria de Óscar Freire, mais na xeral segue a liderar Efimkin.
Serafín Martínez celebra a súa vitoria na montaña
A etapa do xoves da Vuelta Ciclista a España rematou cunha nova vitoria de Óscar Freire. O corredor cántabro do Rabobank percorreu os 184,3 quilómetros entre Reinosa e Logroño en 4 horas, 24 minutos e 10 segundos. Mais, na clasificación xeral, nada cambia: o líder segue a ser o ruso Vladimir Efimkin, do Caisse d'Epargne. Na montaña, o galego do Karpin Galicia Serafín Martínez mantense líder e aumenta a súa distancia cos seus perseguidores, ao acadar os 44 puntos.
O primeiro ciclista do país en chegar á meta foi Gustavo Domínguez, no posto 42 pero ao mesmo tempo ca Freire. Na xeral, Ezequiel Mosquera segue noveno, a 1:36 do líder, e Óscar Pereiro, do Caisse d'Epargne, décimo terceiro, a 1:57. Na clasificación xeral por equipos, o Karpin Galicia segue undécimo, a 11 minutos e 34 segundos do líder, o Caisse d'Epargne, que contabiliza 73 horas, 49 minutos e 27 segundos.
A sétima tirada sairá o venres de Calahorra con destino en Zaragoza, e 176,3 quilómetros de percorrido.