Segundo o presidente, o até agora número dous de Vicepresidencia decidiu renuciar por “motivos persoais”.
Logo do Consello da Xunta, o presidente, Emilio Pérez Touriño, referiuse a substitución de Antón Losada como secretario xeral de Relacións Institucionais. Segundo Touriño, o vicepresidente Anxo Quintana aceptou o cesamento de que o propio Losada lle presentara a súa dimisión por motivos persoais.
Touriño non quixo comentar nada sobre o que será novo secretario xeral de Relacións Institucionais, Xavier Ferreira. O presidente simplemente matizou que Quintana ten todo o dereito a elixir a quen considere máis axeitado para o cargo.
Pola súa parte, o coordenador da executiva do BNG, Francisco Jorquera, corroborou as palabras de Touriño e asegurou que dentro da formación comprenden as razóns persoais da dimisión de Losada. Jorquera agradeceu o traballo do até agora secretario xeral e "os servizos prestados ao nacionalismo galego"
O PPdeG considérao "vítima da crise da Xunta"
Mentres o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, considerou que o de Antón Losada foi un cesamento e que se converte así na “primeira vítima da crise” na Xunta. Os conservadores cren que esta é unha forma de “saldar” as diferenzas entre socialistas e nacionalistas.