Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Os tres voceiros municipais reuníronse este xoves

Unanimidade no concello compostelán para defender a Cidade da Cultura

A defensa quedará reflectida nunha declaración institucional que se asinará nun pleno extraordinario o próximo 12 de setembro.

Redacción - 12:50 06/09/2007
Néstor Rego, Xosé Sánchez Bugallo e Xerardo Conde Roa no Concello

Néstor Rego, Xosé Sánchez Bugallo e Xerardo Conde Roa no Concello

No concello compostelán, o alcalde socialista, Xosé Sánchez Bugallo, o tenente de alcalde, o nacionalista Néstor Rego, e o líder da oposición, o popular Xerardo Conde Roa decidiron tamén convocar a outros órganos consultivos, o Consello Económico e Social (CES) e o de Relacións Veciñais, para unha xuntanza o 17 de setembro, ademais de apoiaren todas as iniciativas cívicas que se acheguen.

Segundo Bugallo, os obxectivos prioritarios atenden á finalización do proxecto arquitectónico nos prazos previstos, a inauguración dos catro primeiros edificios, a posta en marcha para o primeiro semestre do 2009, e o remate definitivo das obras para o 2012.

Os comerciantes apóiana, a cidadanía non


Por outra banda, esta mesma semana constituíuse a Plataforma en Defensa da Cidade da Cultura. Intégrana a Cámara de Comercio, a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, a Asociación de Hostalaría e a Agrupación de Comerciantes (ACOTES). Buscan a adhesión de asociacións, colexios profesionais e a Universidade de Santiago, amais do apoio dos concellos da Mancomunidade compostelá.

Entre os seus obxectivos están fixaren os prazos para o remate da obra, e acelerar a finalización das obras pendentes e os contidos dos edificios. Xa puxo a disposición da xente interesada o teléfono 981 596 800, o fax 981 590 322 e o correo electrónico camara@camaracompostela.com.

Na outra banda, a plataforma cidadá Cultura Si, Mausoleo Non defende a paralización do proxecto e a reconversión das obras e edificacións rematadas en instalacións útiles para a sociedade galega, a depuración de responsabilidades penais "ante o cúmulo de irregularidades desde o inicio do proxecto", e a anulación dos orzamentos destinados a este proxecto e o seu reinvestimento en Sanidade Educación e Servizos Sociais.

Comisión de investigación


Ademais, este martes no Parlamento puxéronse de acordo os tres grupos para crearen unha Comisión de Investigación, malia diferiren nos obxectivos: mentres o grupo socialista e o nacionalista queren tomar como referencia o informe fiscal do 2005, o PP quere incidir nos dous últimos anos de xestión. Será o pleno da Cámara quen decida sobre a comisión, o seu título e o seu ámbito de investigación na sesión plenaria do próximo martes.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: