Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CAMBIO NA SECRETARÍA XERAL DE RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

O Consello da Xunta aproba o cesamento de Antón Losada

Xavier Ferreira, profesor de Dereito Administrativo na USC, será o seu substituto.

Redacción - 11:55 06/09/2007

O Consello da Xunta tratou este xoves a destitución do secretario xeral de Relacións Institucionais, Antón Losada. A axencia Efe adiantou a primeiras horas da mañá a noticia. Segundo puido confirmar Vieiros, a decisión de substituir ao número dous de Vicepresidencia xa se comezou a debater antes do verán e tomou corpo o pasado mes de xullo. O vicepresidente Anxo Quintana confirmou o cesamento instantes antes do inicio da reunión do Goberno e sinalou que foi o propio Losada o que presentou a súa dimisión.

A idea inicial era dividir a actual Secretaría Xeral en dúas, unha de Vicepresidencia e outra de Relacións Institucionais. Porén, finalmente Xavier Ferreira, profesor da Universidade de Santiago, asumirá, alomenos de momento, todas as funcións que tiña Losada.

Un perfil moi técnico
Vicepresidencia aposta claramente con esta decisión por un perfil moi técnico. Nacido en Valdoviño (A Coruña) en 1966, Ferreira Fernández exerceu como director do Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado na USC. Ten un contrastado currículo. Doutor en dereito pola USC, ampliou os seus estudos na Universidade de Boloña e na Escola de Administración Pública de Cataluña.

Segundo informan dende a propia Xunta, a súa actividade investigadora centrouse no estudo do dereito local, do réxime xuríco dos funcionarios e dos dereitos lingüísticos. Actualmente é director da Escola Universitaria de Relacións Laborais. Tamén é membro, por designación parlamentaria da Xunta Electoral de Galicia e do padroado do Museo do Pobo Galego.


4,85/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: