O simposio organizado polo Club Internacional de Prensa terá actividades nas sete cidades e emitirase a través da rede.
O 2 de outubro arranca en Vigo o simposio Pobre mundo rico, unha ambiciosa iniciativa do Club Internacional de Prensa (CIP) na que se falará sobre a pobreza e a desigualdade no mundo actual. As actividades repartiranse polas sete cidades do país e poderanse ver, ademais, na rede.
Así o anunciou o Director Xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Fernández Iglesias, quen expresou o seu desexo de que o simposio converta Galiza nun referente mundial na divulgación destes temas. Será, ademais, o primeiro que se distribuirá ao longo das cidades do país, sen unha sede única, a xeito de denuncia colectiva. Esta característica fixo que o esforzo organizativo fose “tremendo”, e imposíbel sen a axuda doutras institucións.
Pobre mundo rico ofrecerá, ademais, a posibilidade de asistir a máis de 50 proxeccións audiovisuais que non se poden ver nos circuítos tradicionais. Desenvolveranse 39 conferencias e 14 mesas debate con máis de 80 expertos de todo o mundo. Tanto é así, que a directora do CIP, Carme Carballo, non quixo destacar que convidados teñen máis relevancia. Si explicou que todos cobrarán os mesmos honorarios testemuñais, e é que o simposio terá “un orzamento austero”.
As conferencias emitiranse en directo pola internet e logo estarán dispoñíbeis para a súa descarga. Poderase acceder ás imaxes tanto a través do blog do simposio como na páxina do CIP. As actividades serán abertas ao público en xeral e gratuítas, así como a inscrición, que dará preferencia á hora de recibir material informativo e será necesaria para obter un certificado de asistencia ou un crédito de libre configuración para o estudantado universitario.
O grupo brasileiro de teatro Loucas de Pedra Lilás poñerá o contrapunto ás conferencias con oito actuacións na rúa.