Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DA REUNIÓN CON QUINTANA

Touriño dá por pechadas as 'diferenzas puntuais' no bipartito

PSdeG e BNG acougan unhas discrepancias que comezaron na dura negociación dos pactos municipais.

Redacción / EP - 13:50 05/09/2007

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, recoñeceu abertamente este mércores que nas últimas semanas houbo diverxencias no Goberno. Porén, Touriño cualificounas de “diferenzas puntuais” e afirmou que “o importante é que se solucionan”. Logo de reunirse este martes co vicepresidente Anxo Quintana, dá por pechadas as tensións. Touriño asegurou que a aprobación dos orzamentos de 2008, prevista para finais de outubro, está garantida.

As razóns da crispación das últimas semanas hainas que buscar en varias frontes. A proposta de ensinar o himno nas galescolas, as críticas do PSdeG ás festas dos maiores ou o malestar do BNG polo trato informativo na TVG foron algunhas das causas. Mais fontes consultadas por Vieiros remontan o inicio das tensións ás negociacións posteriores aos comicios municipais. O acordo entre as dúas formacións non foi fácil e os primeiros pasos de moitos gobernos locais, como pode ser o caso dos de Ourense ou Vigo, tampouco foi un camiño de rosas. A isto hai que sumar o conflito de intereses entre consellarías en determinados asuntos nos que comparten competencias. A paréntese vacacional aplacou o enfrontamento que se avivou no primeiro Consello da Xunta celebrado a semana pasada.

O último dos obstáculos é a creación do servizo de transporte destinado ás persoas dependentes. Vicepresidencia estabelece unha partida de 53 millóns de euros para pór en marcha o proxecto. O servizo contaría con máis de 250 vehículos cando estivera a pleno rendemento. A Consellaría de Economía opina que, tal e como está concibido o proxecto, pode levar a “desaxustes orzamentarios”. Vicepresidencia, pola contra, di que o proxecto está “ben planificado”. Mentres que os socialistas cren que o Bloque quere “marcar posicións” de cara ás citas electorais, os nacionalistas consideran que os seus socios non lle interesa apostar en serio polas políticas sociais.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: