Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICA

A colleita de olivas en Palestina

O profesor Moncho Iglesias relátanos o día a día nas sempre inestábeis terras palestinas.

Moncho Iglesias - 10:59 03/09/2007

A oliveira, símbolo de paz, amor e prosperidade, representa a vida e a tradición en Palestina. A árbore, que crece en montañas que acadan os mil metros e en vales a preto de 300 metros baixo o nivel do mar, ocupa o 54% do terreo cultivado, cuns 12 millóns de árbores espallados por todo o territorio. Hoxe en día, gran parte desas propiedades son inaccesibles para moitos palestinos, separados dos seus cultivos debido ao muro que tenta delimitar toda a zona, ou estradas, asentamentos, controis militares e outros perigos.
Para moitos palestinos, a oliveira simboliza a esperanza dun futuro mellor, que a ocupación israelí imposibilita. A expropiación de terras ten deixado familias enteiras sen terreos cultivables e mesmo sen o que era a súa base económica. O aceite de oliva, un negocio familiar que decreceu a raíz da Primeira Intifada e que empeorou coa Segunda, ten sido de gran importancia para o pobo palestino dende o tempo de Cristo. Pero a loita contra novos mercados competidores –moito do aceite producido en Italia procede de olivas palestinas- e a imposibilidade de comerciar co veciño Israel, afunden a situación económica dos Territorios. Así, estímase que no 2002 houbo un excedente de 20.000 toneladas de aceite de oliva.

O aceite de oliva palestino está recoñecido internacionalmente grazas ao seu gusto e aroma únicos. Un aceite maiormente orgánico, ben porque os fertilizantes químicos, os insecticidas e os herbicidas son demasiado caros, ou porque os agricultores non poden acceder a eles debido a restricións de seguridade impostas por Israel. Isto provoca un encarecemento do produto, provocando así unha aínda maior dificultade de exportación.

Pero amais dos froitos da árbore, a propia madeira é de gran utilidade e calidade. A oliveira pode chegar a vivir milleiros de anos sen deixar de dar froitos, cunha madeira que consegue crear esculturas de formas únicas. Palestina é unha gran produtora de obxectos de madeira, como beléns e outras pezas que rememoran a historia do cristianismo; unha empresa en decadencia debido á crise do turismo na zona.

Á pesares dos problemas e restricións, a colleita da oliva aínda mantén un impacto social e económico importante, posto que logra reunir a familias e amigos nun festival agrario único na zona. Ao redor da colleita organízanse faladoiros e mostras de tradición popular que rematan con noites cheas de actividades e intercambios que se prolongan durante preto dun mes.

Dentro dos eventos que se levarán a cabo durante a colleita anual de olivas, o Grupo de Turismo Alternativo (ATG) presenta, xunto con outras institucións palestinas, un proxecto de axuda ao pobo palestino. O programa levarase a cabo durante a semana do 21 ao 30 de outubro, co obxectivo de conseguir o maior apoio solidario cos agricultores palestinos que non poden acceder as súas terras, achegadas a asentamentos ou divididas por estradas de acceso imposible. Amais da colleita de olivas, o programa inclúe diferentes presentacións sobre a situación en Palestina; visitas as cidades de Xerusalén, Belén e Hebrón; e outros eventos culturais e xuntanzas sociais. Para máis información, pódese contactar a páxina web dos grupos organizadores: http://www.jai-pal.org e http://www.atg.ps.

*Moncho Iglesias (Vigo,1974). É profesor de lingua estranxeira en Belén (Palestina). Da súa man coñecemos sen filtros o día a día do conflito árabe-israelí.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: