As asociacións da comarca de Sarria recoñeceron o compromiso da centenaria publicación coa identidade nacional.
O semanario A Nosa Terra, que cumpre este ano o seu centenario, foi galardoado co VI Premio Ramón Piñeiro “Facendo país”. O xurado do premio, formado por representantes de 18 asociacións da comarca de Sarria e do val do Neira, valorou a defensa da identidade nacional que leva facendo a publicación por riba das continxencias políticas, sociais e económicas.
Na acta do premio tamén se salienta o labor de compromiso do periódico coa terra, coa normalización lingüística, e o feito de que contribúa á recuperación da nosa memoria a través das novas redes de difusión.
A Nosa Terra foi escollida de entre 42 candidaturas achegadas por asociacións de todo o país. O secretario da asociación Val de Láncara, Carlos López Sierra, salientou o feito de que o premio, que non ten dotación económica, se concede á marxe das empresas e editoriais.
O acto de entrega do premio terá lugar a finais de setembro ou a mediados de outubro. O galardón, unha obra dun artista do país, será entregado polo gañador da pasada edición, Xosé Neira Vilas. O premio que concede a Asociación Cultural Val de Láncara recoñece cada ano unha persoa ou institución que destaque pola defensa da nosa cultura e identidade. Os anteriores premiados foran Isaac Díaz Pardo, Luís Tosar, o grupo Milladoiro, Xosé Manuel Beiras e Xosé Neira Vilas.
O fallo deuse a coñecer no Club Internacional de Prensa, nun acto en que estiveron presentes o irmán de Ramón Piñeiro, Aníbal Piñeiro; o secretario de Val de Láncara, Carlos López Sierra; un representante das asociacións de Sarria, Xesús Vila Tourón; o director do Colexio Ramón Piñeiro, Xurxo Rodríguez Lozano, e o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro.