"A justiça histórica consegue-se avançando no presente". A vixésimo primeira edición do certame evoca a recuperación da memoria histórica da loita antifascista coa vista posta no presente.
Cartaz do 'XXI Festival da Poesia'
"De pouco serve lembrar o passado se nom avançamos nas conquistas nacionais e sociais no dia de hoje, em que nos sobram motivos para activarmo-nos frente a desigualdade e a negaçom dos nossos direitos como povo e como pessoas".
A Sociedade Cultural e Desportiva (SCD) do Condado quere evocar nesta vixésimo primeira edición do Festival da Poesia a recuperación da memoria histórica, mais coa intención de actualizar os seus valores "nas luitas do presente".
Reivindicacións populares
"Ajustiçar a história para ganhar dignidade, ganhar dignidade para ajustiçar a história", reivindican dende a SCD para o certame deste ano, que a partir deste xoves e até o vindeiro sábado terá lugar en Salvaterra de Miño, e que mantén como motor do evento as reivindicacións populares.
Mostra disto é unha novidosa iniciativa, o Micro Aberto, que permitirá que durante a xornada do sábado calquera colectivo, organización ou plataforma poida expoñer as súas reivindicacións no Festival. Iso si, cun tempo limitado de cinco minutos.
Programa
O programa deste ano, que pode ser consultado na web da organización, inclúe diversas exposicións fotográficas, pictóricas e audiovisuais que abrirán a partir das 19.30 horas do xoves. Esa mesma noite Filipa Pais ofrecerá un concerto, con aforo limitado, dentro do apartado Noite portuguesa. As entradas teñen un prezo de 10 euros cada unha e xa poden ser reservadas.
O venres salienta a Festa Jovem, que terá lugar pola noite, e contará coa presenza dos grupos musicais Galegoz, de Galiza; Boom Club (ex Spook & the Guay), de Francia; Peste & Sida, de Portugal; e Obrint Pas, dos Països Cataláns.
Xa o sábado, pola mañá haberá unha Marcha e Feira popular, con murgas e charangas, e pola tarde os máis cativos poderán participar nunha Festa infantil, con obradoiros e animación na rúa, na Praza do Castelo.
Festival Poético
A partir das 19.30, comezará o Festival Poético-Musical na Zona de Murallas, que presentará Miguel de Lira e os membro de Chévere. Os poetas participante este ano son: Marica Campo, Celso F. Sanmartín, Roi Vidal, Daniel Salgado, Manuel Outeiriño, Raida Rodríguez, Koki, Ana Romaní, Lucía Novas e Celso Álvarez Caccamo (Galiza), Pedro António Ribeiro (Portugal), Delmar Maia Gonçalves(Moçambique), Xabi Borda e Jon Benito (Euskal Herria) e Pau Gener Galin (Països Cataláns).
O Festival pechará coa actuación dos grupos musicais Xarin e Marful (Galiza), Mercado Negro, (Portugal) e Dany Silva (Cabo Verde).