Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Presentan a súa propia proposta no Parlamento

O PPdeG acepta a comisión de investigación do Gaiás

Feijoo considera que o seu partido xa pagou responsabilidades políticas "nas urnas" e desafía ademais a Xunta a levar o caso aos tribunais.

Redacción - 15:00 29/08/2007

Os populares din non ter medo a que se investigue o acontecido coa Cidade da Cultura e por este motivo toman a iniciativa ao respecto e rexistran no Parlamento unha petición para que se constitúa a devandita comisión, subliñando que esta debe afondar na "xestión íntegra" do proxecto. Con todo, afirman non estar dispostos a "participar no circo de Touriño e Quintana, centrados en fiscalizar o xa fiscalizado polo Consello de Contas". O PPdeG opina que a proposta de socialistas e nacionalistas para poñer en marcha esta comisión "non é en aras da transparencia, senón tratando de sacar tallada política, desde o rancor".

O líder do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, opinou este mércores que "o Consello de Contas xa fiscalizou todo o que había que fiscalizar da etapa da Cidade da Cultura xestionada polo PP". Feijoo afirmou que as responsabilidades políticas da xestión da Cidade da Cultura "están avaliadas polos cidadáns nas urnas" e desafiou a PSdeG e BNG a iren ao fiscal se consideran que hai aspectos que van máis aló desa responsabilidade política "e non deixar que sexa a CIG a que lles faga o traballo sucio".

A Plataforma "Cultura si, mausoleo non" sobe até o Gaiás
Aínda que xa avanzaran hai días o seu manifesto fundacional, a Plataforma Cultura si, mausoleo non presentou de xeito formal este mércores a súa iniciativa, para o que os seus promotores se trasladaron até as inmediacións das obras do Gaiás.

O colectivo pide directamente a supresión do proxecto e a reorientación dos orzamentos cara a outros proxectos da administración ou en todo caso, que as obras xa proxectadas se reconvertan para acoller o conxunto de todas as instalacións da Xunta agora repartidas en varias sedes. O outro obxectivo da plataforma é a petición de "responsabilidades penais ante o cúmulo de irregularidades desde o inicio do proxecto". Os integrantes da plataforma non apoian a redefinición e planificación de contidos deseñada pola Consellaría de Cultura, logo do proceso aberto á participación de diversos sectores do país, e opinan que se gastan cartos "sen estar claro para que van servir". Ademais, están en contra da comisión de investigación e insisten en que o proceso se resolva pola vía xudicial.


Ligazóns

4,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: