Durante tres días, expertos debaten sobre o pasado económico e a recuperación dos bens como sinais de identidade.
O patrimonio industrial como seña de identidade é o argumento dunhas xornadas que se desenvolven do 29 ao 31 de agosto en Lousame. A segunda edición está centrada no volframio e o papel, dúas actividades que tiveron grande importancia no pasado lousamián. A Consellaría de Cultura e Deporte contribúe con 6.500 na organización, en colaboración co Concello de Lousame.
Ademais de conferencias en que se destacará a achega da industria á conformación da realidade local, faranse visitas guiadas ás dúas instalacións senlleiras do municipio: as minas de San Finx e as fábricas de papel do río Vilacova. A consellaría pretende fomentar a conciencia social na defensa dos bens patrimoniais, dos que forma parte tamén o patrimonio industrial, en proceso de recuperación despois de anos de esquecemento.