Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Adiado o diálogo mentres medra a fenda

O debate da área metropolitana afonda o conflito interno do PSdeG vigués

Case unha semana despois da petición dunha reunión urxente da executiva local, os socialistas vigueses aprazan os contactos ao respecto.

Redacción - 09:30 29/08/2007

Necesariamente o problema saltará a primeiro plano durante o próximo mes de setembro xa que o grupo que desafiou a posición do alcalde, Abel Caballero, sobre o modelo de área metropolitana, non agarda que a dirección vaia aprazar moito a próxima reunión da executiva local. Así, agardan que na primeira quincena de setembro se produza esta xuntanza.

Con todo, os descontentos pediran unha convocatoria urxente que, polo que parece, finalmente non vai celebrarse. De feito, malia a recepción hai unha semana da misiva, o secretario da agrupación viguesa, Manel Gallego, aínda non iniciou os contactos co grupo de doce membros da executiva que asinaban o escrito. En declaracións a Europa Press, un dos asinantes, Emilio Casanova, teimou na importancia do debate e pediu que o alcalde, Abel Caballero, revele se existe ou non un documento que reflicta a proposta anunciada por el mesmo para un área metropolitana de 28 concellos. Insiste Casanova en que a única coñecida e consensuada até o de agora polo conxunto do PSdeG vigués é a que se refire a 14 municipios. "Se existe o documento, que o entreguen para o seu estudo", indica. "Queremos un debate, ao mellor coincidimos con el, pero agora non sabemos o que formula", engadiu.

Executiva revolta
Hai poucos días, o presidente da executiva socialista local, Manel Gallego, recibía a carta remitida por un grupo de militantes e integrantes do propio órgano de goberno da agrupación local dos socialistas vigueses.

O desafío, avalado coa sinatura de doce membros desta executiva, instaba á dirección a resolver o conflito a través dunha xuntanza previa e unha asemblea posterior que conseguise o aval da militancia. Ao respecto, recórdanlle a Caballero que, ao contrario do manifestado publicamente, o único documento de traballo que conta co consenso interno do PSdeG vigués estabelece un proxecto de área metropolitana que cingue a 14 municipios o seu ámbito de influencia inicial. De feito, mesmo chegaron a cualificar de "falacia" que o modelo anunciado por Caballero "estivese no programa electoral" das pasadas eleccións municipais, tal e como o rexedor asegura.

Debate sobre o "peso político" da área metropolitana
Os descontentos aseguran que non se trata estritamente dunha rifa sobre o número de concellos, senón de centrar as prioridades do debate, subliñando con claridade cal debe ser o financiamento, estrutura orgánica, competencias e servizos a prestar aos cidadáns.

Casanova critica que o proxecto de Vigo 28 se argumente desde a necesidade de terreos e na Plataforma Loxística de Salvaterra As Neves, sendo a ordenación urbanística "materia de competencia municipal". Na súa opinión, o debate debera propoñerse desde os servizos en ámbitos como a atención sanitaria, o transporte, as redes de saneamento e abastecemento, e a dotación á área do "suficiente peso político".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: