Esixe que Educación suspenda cautelarmente a norma que ten que entrar en vigor en setembro mentres que os tribunais non se posicionen.
A batalla pola normalización do galego no ensino non universitario acabará nos tribunais. A asociación Galicia Bilingüe anunciou este martes que vai interpoñer un recurso contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A plataforma estima que o decreto que entrará en vigor o vindeiro mes “atenta contra a constitución española e contra o Estatuto”.
“Galicia Bilingüe”, autora do manifesto “Tan gallego como el gallego, cre que o decreto aprobado polo Goberno, que garante un mínimo dun 50% de materias en galego, é “un intento de inmersión lingüística”. Mentres tanto, nunha nova manobra de presión, esixen que a Consellaría de Educación suspenda cautelarmente a normativa.
*Na primeira redacción desta noticia, por un erro, figuraba que a páxina de Galicia Bilingüe só estaba escrita en castelán. Na web, nun segundo plano, existe tamén unha versión dos textos no noso idioma.