O servizo estará dispoñíbel para os usuarios de todas as clases, aínda que o tamaño da pantalla será diferente.
As liñas aéreas de Singapur Singapore Airlines instalarán computadores con Linux nos asentos dos seus avións. Ademais, o servizo estará dispoñíbel non só para os pasaxeiros de primeira clase, senón tamén para os de turista.
Segundo a empresa, o seu obxectivo é atraer máis pasaxeiros ofrecendo novos servizos, fronte á tendencia xeral de recortar as comodidades para aumentar os beneficios. Os novos avións Airbus A380 e Boeing 787 incorporarán os trebellos, que empregarán a distribución de GNU/Linux de Red Hat.
Esta innovación é parte da nova versión do seu sistema de entretemento a bordo, denominado KrisWorld, que ofrece vídeo e audio baixo demanda. O sistema está formado por un servidor central que se conecta a unha rede de computadores instalados en cada asento da aeronave. A diferenza será que os pasaxeiros de clase turista terán unha pantalla de 10,6 polgadas, os de clase business unha de 15,4 e os de primeira un enorme visor de 23 polgadas.
O servidor ten unha capacidade de almacenaxe de varios terabytes, mentres que cada ordenador terá 40 xigabytes. O sistema fornecerá 100 filmes, 150 programas de televisión, 700 cedés de música, 22 emisoras de radio e 65 xogos. Ademais, ofreceranse cursos de idiomas, guías de viaxe e novas en formato texto. O PC incluirá o paquete ofimático StarOffice e un porto USB para poder conectar unha chave de memoria, un teclado ou un rato.
O problema é que, actualmente, non hai xeito de conectarse á internet dende o aire, despois de que deixase de funcionar o servizo Connexion de Boeing.