A páxina inclúe xa na nosa lingua as retribucións dos membros da corporación, aínda que todo o resto permanece en castelán.
Páxina da deputación luguesa sobre os órganos de goberno
Na web da Deputación de Lugo comézanse a notar cambios dende a mudanza de goberno. Despois da longa etapa de Cacharro Pardo á fronte do executivo, a coalición formada polo PSdeG e o BNG aprobou incluír na páxina as retribucións dos membros da corporación en dedicación parcial e exclusiva, dos grupos políticos e do persoal eventual. Ademais, os novos contidos estanse a introducir en galego, o que contrasta co que acontecía até o momento, cunha web integramente en castelán.
Dende a Deputación aseguran que a intención do novo goberno provincial é renovar completamente a páxina web, e facelo en galego, pero que iso levará o seu tempo. Entre tanto, cando picamos na semioculta opción de web en galego, no pé da páxina, séguenos a aparecer a antiga mensaxe: “Comunicamos a todos os usuarios deste servizo que actualmente está en fase de tradución o contido actualizado desta web”.