Os veciños dunha e doutra vila de ámbalas dúas beiras da ría han tirar este venres dunha corda na que hai atada unha chalana cun tesouro. O Desafío encádrase na Romaría do San Bartolo.
Non se sabe aínda se se van escoller os máis fortes de cada vila, ou se van querer os alcaldes participar, porque daquela a proba tería máis chiste estando dun lado José María García Rivera, alcalde de Foz, do PSdeG; e do outro Alfonso Fuente Parga, do PPdeG, alcalde de Barreiros.
Historia e deporte: o desafío contra Foz
O Desafío contra Foz nace este ano para contribuír a que a Romaría do San Bartolo de Barreiros sexa declarada de interese turístico internacional. Para isto botaron man das lendas celtas, e o tesouro que van montar na barca -unha cesta con comida - é o de Cornería, que se di que foi o que o líder bretón Maeloc enterrou, fuxindo nos inimigos, na aldea do Concello de Barreiros do mesmo nome, ou na aldea veciña de Penabor.
Os veciños teñen, daquela, que tirar de cadanseu lado da corda, xusto ás 14:30 horas, un bocadiño antes do xantar, o que ao mellor lle dá forzas a algún, e logo virá a paparotada para os que consigan levar a chalana para o seu lado da rúa.
Outras cousas no San Bartolo
Todo organizado pola asociación de veciños O Bítere, vai haber en Barreiros, ademais de verbenas, a romaría popular, coa seu xantar a base de tortillas, carneiro "asado ao xeito celta", empanadas e requeixo, que vai servir, ademais, para promover os produtos locais.