O PSdeG considera que o líder do Partido Popular "busca confrontamento custe o que custe".
"É perfectamente compatíbel coñecer o Himno e estudar inglés". Nin socialistas nin nacionalistas tardaron moito en responder ás declaracións do presidente do PP, Mariano Rajoy, que nunha entrevista concedida a Europa Press e publicada esta quinta feira consideraba intranscendente a posibilidade de que os rapaces galegos aprendesen o Himno nas escolas.
"É unha idea que, como o cambio do fuso horario en Galiza, non lle importa a ninguén", asegurou Rajoy, e engadiu que o transcendente para os cativos é que aprendan inglés ou que se familiaricen coas novas tecnoloxías.
O voceiro parlamentario do PSdeG, Ismael Rego, e o coordinador executivo do BNG, Francisco Jorquera, coincidiron en lembrarlle a Rajoy, que "non é contraditorio" o feito de que os nenos galegos aprendan o himno e estuden inglés, senón que son actividades "perfectamente compatíbeis".
Persoa "acomplexada"
"Só un ignorante ou unha persoa acomplexada que renega da súa orixe galega pode estabelecer unha contradición entre coñecer o himno do seu país e estudar inglés e familiarizarse coas novas tecnoloxías", asegurou Jorquera. "Pedímoslle a Rajoy que non se sume aos imbéciles e escuros que tan ben retratou Eduardo Pondal", engadiu.
Nesa mesma liña, Ismael Rego advertiu de que Rajoy "nunca lle tivo ningún aprecio nin respecto aos símbolos de Galiza" e considerou que as súas opinións sobre o país e os galegos "son irrelevantes", tras explicar que dende que coñeceu ao líder popular, cando era vicepresidente da Xunta, non lle escoitou dicir "nin unha soa palabra en galego". "Coas súas afirmacións o que busca é a confrontamento, custe o que custe", dixo.