"Permitirá que se aproveite media hora de luz, para que os nenos non teñan que almorzar sen a luz do día antes de ir para o colexio", afirmou o ministro de Ciencia e de Tecnoloxía.
A partir do 1 de xaneiro de 2008, a República Bolivariana de Venezuela terá un novo fuso horario que, segundo expresou o ministro de Ciencia e Tecnoloxía, Héctor Navarro, "permitirá mellorar o rendemento dos venezolanos nas súas actividades diarias". O proxecto será enviado proximamente á Asemblea Nacional para a súa discusión e aprobación.
Navarro, que anunciou a súa proposta no programa dominical do presidente do goberno Hugo Chávez, Aló, Presidente, explicou que se lle engadirán 30 minutos a hora actual, polo que "os venezolanos espertarán cando os raios solares xa iluminen o día".
"Iso permitirá que se aproveite media hora de luz, para que os nenos non teñan que almorzar sen a luz do día antes de ir para o colexio", engadiu, e afirmou que dado que "o cerebro humano está condicionado pola luz do sol, o establecemento do novo fuso horario levará a un mellor desempeño de todos os venezolanos nas súas actividades de traballo ou estudo".
Dende 1965
O fuso horario actual que estabelece a hora en Venezuela, que equivale ao horario internacional do Meridiano de Greenwich menos catro horas (GMT -4), foi fixado no ano 1965 coa intención de incentivar o consumo de enerxía eléctrica.
Xa que logo, a partir de 2008, a hora civil de Venezuela estará determinada polo meridiano 66, que atravesa a rexión de Río Mozo, na metade do territorio nacional, namentres que nestes últimos corenta anos rexíase polo de 60 graos oeste de lonxitude xeográfica, no estado Delta Amacuro.
Segundo o astrofísico Víctor Rodríguez, consultado por medios locais, "o meridiano que define a hora legal venezolana pasa polo oriente do país, mais a hora legal e a hora solar non son sempre compatíbeis e por iso cando no oriente son as 18.00 horas, en Maracaibo son as 17.14 horas, o que implica 46 minutos menos".
Fusos horarios
Os fusos horarios ou zonas horarias son cada unha das vinte e catro áreas en que se divide a Terra e que seguen a mesma definición de tempo cronométrico. Antes de que se estabeleceran os fusos horarios, usábase o tempo de sol aparente para fixar a hora, polo que se as cidades que non estaban sobre o mesmo meridiano tiñan un horario distinto.
O emprego dos fusos horarios corrixiu o problema parcialmente, ao sincronizar os reloxos dunha rexión ao mesmo tempo solar medio. Os fusos horarios xeralmente están centrados en meridianos dunha lonxitude que é múltiplo de 15°.