A última hora o peor do trebón zoupa en Xamaica, onde se declarou o "estado de emerxencia".
Arrincou tellados, botou árbores abaixo e cortou as comunicacións en diversas zonas do país. Xamaica sufriu até o de agora o peor do impacto do furacán bautizado Dean, que con intensas choivas e ventos de máis de 200 km/h se estaba desprazando polo Caribe en dirección oeste-noroeste.
Malia que o furacán non bateu directamente sobre Haití e a República Dominicana, o balance deixa xa até sete mortos na zona. Cuba tamén se podería librar do máis grave do Dean, que avanzaría agora deixando de lado a illa. Os meteorólogos temen que suba de 4 até o 5 na chamada escala de Saffir-Simpson, converténdose nun ciclón de máxima intensidade. A elevada temperatura da auga axudaría a que aumente a súa capacidade destrutora.