"Oficializa os sentimentos de Galiza como país", expresou o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, durante a súa visita á Festa do Gaiteiro de Soutelo.
"Expresa a loita dun pobo na defensa da súa identidade e da súa lingua", afirmou Anxo Quintana este sábado en Soutelo de Montes. O vicepresidente da Xunta comentou ao respecto que os versos de Pondal "axitan o espertar de Galiza como nación".
Así, Quintana, chamou a aproveitar o centenario da primeira interpretación oficial do Himno, que se celebra este ano, "para popularizar o Himno do noso país e que non haxa ningún neno nin nena de Galiza que non coñeza e saiba cantar os versos do bardo de Bergantiños". "Esta é unha das mellores homenaxes que lle podemos facer a personaxes coma o propio Avelino Cachafeiro, Eduardo Pondal ou Pascual Veiga", indicou durante a súa visita á XXVIII Festa do Gaiteiro de Soutelo.
"Ningún pobo pode ser quen de medrar adoptando a vía da renuncia á súa cultura", comentou por outra parte. "Este Goberno defende e comparte que todas as accións no eido da cultura teñen que encadrarse nun marco de recoñecemento, valoración e protección do propio", afirmou ao tempo que se laiaba de que os galegos "por desgraza somos herdeiros dunha terra que ten coñecido e padecido o autoodio". Por iso, reclamou que o "silenciamento" das nosas expresións culturais "ten que dar paso a un tempo novo no que academos unha nova realidade".