O secretario de Organización do PSdeG respondíalle así ás críticas do presidente do PP, Mariano Rajoy, quen acusara ao bipartito de "andar a labazadas" ao tempo que paralizaba o proxecto de áreas metropolitanas.
"O único que logrou o partido de Rajoy e Feijoo foi deixar que imperase o todo vale en materia de urbanismo, o que permitiu a degradación da costa ata límites insostíbeis", reflexionou Ricardo Varela este xoves. "Ao mellor, a iso é ao que Rajoy lle chama eficacia e competencia", ironizou o secretario de Organización do PSdeG.
Varela acusou o PPdeG de non mover "un só dedo para acometer unha mínima política territorial, a non ser unhas comarcas que non existiron nin funcionaron nunca, e só serviron para realizar un desbalde de recursos". O socialista laiouse de que en 16 anos os populares non foran capaces de elaborar un borrador de ordenación do territorio "e nin sequera de poñer de acordo aos concellos, a maioría gobernados por eles, nun pacto local". Así, destacou ao respecto que foi o actual Goberno o que conseguiu "pechar un acordo histórico coma o pacto local".
O secretario de Organización do PSdeG respondía ás declaracións de Mariano Rajoy esta semana nas que o presidente do PP aproveitaba o recente enfrontamento sobre a área metropolitana de Vigo, con diferencia de opinións dentro do propio PSdeG, para opinar que o actual Goberno fracasa "nun tema que estaba moi ben encarreirado" polo anterior executivo. "As polémicas entre PSOE e BNG e dentro do propio PSOE levan á ineficacia e tamén á incompetencia", afirmara Rajoy.