O epicentro foi detectado no mar, nunha profundidade de 47 km, e afectoulle principalmente ao contorno das cidades de Pisco, Chincha e Ica. A terra tremeu durante case dous minutos e chegou a unha magnitude de 7,9 na escala Richter. Debido ás características do tremor, nun primeiro momento lanzouse ademais unha alerta de tsunami, que foi despois anulada.
En cincuenta anos os peruanos non sentiran un sismo tan forte e o
primeiro ministro do Perú, Jorge del Castillo, recoñeceu que o balance final podería chegar a cifras moi altas de mortes e feridos. O presidente Alán García decretou estado de emerxencia e formouse xa un gabinete ministerial de crise para xestionar a situación. O alcalde da cidade de
Pisco, con arredor de 120 mil habitantes, avaliou este xoves que arredor do 70% da urbe foi destruído. Un dos puntos sinalados polo desastre é unha igrexa desta localidade onde no momento do sismo se celebraba un oficio relixioso e ao virse abaixo o edificio deixou sepultadas a ducias de persoas.
De momento, o Instituto Nacional de Defensa Civil eleva a 350 o número total de mortes no país, 200 delas na cidade de Pisco.
O sismo produciuse nunha zona próxima á que xa fora epicentro de cadanseu terremoto en 1966 e 2001, os dous de intensidades por riba dos oito graos na escala Richter. O máis grave que se lembra tivera lugar en 1868, cunha magnitude estimada de 9 graos-Richter e unido a unha tsunami que levou a vida de milleiros de persoas na área costeira.