Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Rajoy non se pronunciou aínda sobre a cuestión

UPN afasta da tutela do PP e pide grupo propio no Congreso

O líder de Unión del Pueblo Navarro, Miguel Sanz, sorprende coa proposta á dirección en Madrid. Mariano Rajoy, asiste este xoves á toma de posesión de Sanz como presidente en Navarra.

Redacción - 09:30 16/08/2007

Formalmente, as iniciativas sobre Nafarroa que lle corresponden ao PP son formuladas polos parlamentarios procedentes de UPN que, así e todo, permanecen integrados no Congreso baixo as siglas do PP.

Malia iso, o que desde este xoves repite oficialmente como presidente en Nafarroa, Miguel Sanz, opinou esta semana en entrevista no Diario de Navarra que UPN aspira a ter a curto prazo "voz propia" en Madrid. "Penso que a voz de Navarra no Congreso non pode estar exclusivamente no representante de Nafarroa Bai, xa que non ten a representación maioritaria no Parlamento", afirmou Sanz, "Estamos falando dun deputado de NaBai fronte aos catro que sumamos UPN e PSN, e o mesmo no Senado", reflexionou Sanz.

Paradoxalmente, o xiro de UPN fronte ao PP chega ao tempo que por outro lado, o PSN acaba de sufrir da imposición do PSOE para permitir o apoio á investidura do propio Sanz e evitar o pacto con NaBai.

Un pacto asinado en 1991
Na altura de marzo de 1991, Unión del Pueblo Navarro e o Partido Popular asinaron o pacto de colaboración "permanente" que estabelecía a integración de UPN no PP para sumar os votos dos conservadores en Nafarroa.

O acordo implicaba a total aceptación por parte de UPN das regras impostas desde Madrid pola dirección do PP, comprometéndose a seguir as políticas fixadas polos populares. A cambio, representantes de UPN accederon ao comité executivo do PP e por exemplo, un político de UPN aparece sempre en postos de saída para as eleccións europeas.

Máis información no Diario de Navarra: O PP estudará con Sanz que UPN teña voz propia no Congreso


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: