Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Nesta edición comeza en Galiza

O PP acusa á Xunta de favorecer os municipios do BNG na elección das saídas e chegadas da 'Vuelta'

Consideran que se lle deron as etapas da 'Vuelta' aos municipios onde as concellarías de Deporte son do Bloque, prexudicando outras vilas con máis tradición ciclista.

Redacción - 17:45 08/08/2007
O deputado popular, Manuel Ruiz Rivas

O deputado popular, Manuel Ruiz Rivas

O deputado popular Manuel Ruiz Rivas dixo que a única excepción era Vigo, onde "se presentou á alcaldía o anterior director xeral para o Deporte", o nacionalista Santiago Domínguez Olveira, encargado de negociar coa empresa xestora da rolda, Unipublic. Para Ruíz Rivas "nos demais municipios (Santiago, Allariz e Viveiro) só atopan un nexo de unión: as concellarías de Deportes estaban dirixidas polo Bloque.

O PPdeG acaba de solicitar no Parlamento as copias de todos os documentos e contratos firmados coa xestora da carreira, xa que é esta a primeira vez que a 'Vuelta' negocia o seu percorrido directamente coa Xunta, e non cos concellos polos que pasa. Deste xeito, Ruiz Rivas dixo que o PP podería "coñecer tanto os criterios que levaron a elixir estes concellos como os investimentos realizados polo Goberno".

"Criterios clientelares"

Ruiz Rivas tamén recoñeceu, na súa comparecencia nesta cuarta feira, que Unipublic tamén participa na elaboración dos percorridos, mais que o seu grupo non se mete en decisións dunha empresa privada, senón nas da Xunta, que, segundo eles, deixou de lado outros concellos galegos con máis tradición ciclista, coma Ponteareas, Betanzos, A Rúa ou O Porriño.

Para os populares, a Xunta usa "criterios clientelares e políticos na xestión do deporte galego, en vez de se basearen en termos de promoción deportiva", cousa que, segundo el, xa se nota nas axudas aos clubes deportivos, "que están a diminuír, e tamén están atrasándose as subvencións ás federacións deportivas".

O PP asumiu as críticas ao antigo Consello de Contas

Preguntado sobre as críticas ao Consello de Contas da anterior Xunta por eles gobernada, na súa xestión da Fundación Deporte Galego, Ruiz Rivas dixo que o seu grupo "asume as recomendacións", mais opinou que non "se poden sacralizar as opinións" do organismo fiscalizador.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: