A FAES é a que máis cartos recibe do goberno español para 2007. Á beira está a Fundación Pablo Iglesias, xestionada por Alfonso Guerra.
Os 7.018.587,41 euros que repartiu o goberno español entre as fundacións ligadas a partidos políticos con representación parlamentaria, forman parte de varias subvencións destinadas ao funcionamento destas entidades e ás actividades de estudo e desenvolvemento do seu pensamento político.
De entre todos, os que máis axuda obtiveron para desenvolver o seu pensamento político foron os membros da Fundación para a Análise e os Estudos Sociais, a FAES, que preside José María Aznar. Esta fundación volveu ser, por segundo ano consecutivo, a que máis axudas recibiu do Ministerio de Cultura, con 2.890.086,25 euros para as súas actividades deste ano.
Despois veñen ben parellos os membros da Fundación Pablo Iglesias, do PSOE, que preside Alfonso Guerra e que levou 2,82 millóns de euros, segundo saíu publicado no BOE. Á Pablo Iglesias séguena as fundacións catalás Rafael Campalans, próxima ao PSC, (470.000 euros); a Fundación Trias Fargas (187.944 euros); e Instituto de Estudios Humanísticos Coll i Alentorn (62.648 euros), ámbalas dúas últimas vinculadas a CIU.
Do contorno de IU-ICV recibirán axudas a Fundación para la Europa de los Ciudadanos (IU), (201.000 euros); a Fundación Nous Horizons (ICV) (58.690 euros); e a Fundación L'Alternativa (EUiA (11.732 euros). 30.000 euros leva tamén a Fundación Luis Bello, vinculada a Esquerda Republicana, que hai tempo abandonou Esquerda Unida.
Os que non levan cartos: os vascos e canarios
195.620 euros foron para a Fundación President Josep Irla i Bosch, de ERC; e outros 62.594 euros á Galiza Sempre do BNG. A CHA, Chunta Aragonesista, levou uns 28.270 euros para a Fundación Gaspar Torrente, a ela ligada.
Os que non levaron nada do goberno español foron as entidades vinculadas a Coalición Canaria e a Fundación Sabino Arana, do PNV.
As fundacións controlaranse como os partidos políticos
Debido á nova lei de financiamento dos partidos políticos, que foi aprobada sen o apoio do PP, que vai entrar en vigor a primeiros do anos que vén, estas fundacións han comezar a ser sometidas a controis parecidos aos que se aplican ás formacións políticas.